martes, 21 de abril de 2015

Obradoiro de Banda Deseñada con Xosé Tomás

Vén un mes cargado de actividades e talleres e aínda que a nosa intención era ilos facendo de a pouco a realidade quixo que abril se transformase no mes dos obradoiros.
Hoxe o turno foi para Xosé Tomás; ilustrador e debuxante, ademais de profesor de ensino secundario, que realizou un obradoiro en banda deseñada con alumnos de 2º de ESO e do Clube de Lectura de Cómic que coordina a profesora Montse Bragado.
A súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que tenía miedo de los robots / El robot que tenía miedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo) e outros moitos...
Tamén é autor da novela gráfica Nómades (Galaxia), artellada sobre breves pero reveladores episodios que teñen como fío condutor a emigración e como protagonistas a mulleres de diferentes idades e condicións. 


Ademais fai humor gráfico para as revistas Tempos Novos e a Revista Galega de Educación. Traballa igualmente o cartelismo didáctico, e estende o seu labor ao mundo dos materiais multimedia. Imparte con regularidade talleres de ilustración e cómic en centros de ensino e colabora na formación dos docentes nos usos didácticos do cómic e a ilustración.



Por último,  os alumnos tiveron que poñer en práctica todo o aprendido e, a dicir polos resultados, parece que non se foron de baleiro






venres, 17 de abril de 2015

Carlos Negro "Penúltimas Tendencias"



Acompañado dunha maleta estampada con flores chegou Carlos Negro ao noso instituto. Nela traía dende un pano rosa a unha Barbie. Tampouco faltaban caderniños de notas, revistas ou debuxos. Todo isto conforma Penúltimas tendencias, un poemario que racha esquemas.
Nun encontro co alumnado de 2º de ESO e organizado conxuntamente coa Biblioteca, o autor dialogou sobre a poesía e botou unha ollada sobre os modelos de beleza e de conduta que imperan na sociedade.
O libro é unha crítica á reprodución de roles tradicionais que manteñen as mulleres presas de instrumentos de control como o imaxinario do amor romántico.
O poemario fálanos dunha rapaza que quere ser ela mesma, alguén auténtico, que pensa, que loita contra a manipulación social do fashion, cool, chic e sexy. Non lle gusta este universo que fere sen compaixón, pois ela quere ser, por riba de todo, persoa. 


Obradoiro de poesía con Carlos Negro from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 10 de abril de 2015

SÉS


Como xa vos comentaramos hai uns meses, “Cántamo en Galego” é un espazo musical radiofónico no que cada luns, coñecemos  todas as novidades dentro da produción musical en galego: discos, concertos, certames, festivais, eventos...
Dentro deste proxecto, periodicamente se desenvolven encontros con cantantes  e grupos da escena musical galega onde os asistentes poderán preguntar todo aquilo que desexen ou satisfacer algunha curiosidade.
Este xoves 16 de Abril tócalle o turno a Sés, unha das cantantes con máis éxito do noso panorama musical e que está  a facer concertos non só dentro da nosa xeografía senón tamén no exterior.



Agora está a presentar o seu terceiro traballo "Tronzar os valos" e que porá en escena o vindeiro 24 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. Non  a perdades!
Máis información en: http://www.mariaxosesilvar.com/#about
e https://www.facebook.com/mariaxosesilvar