Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de xuño de 2016

Teatro de Títeres

Como xa vén sendo tradición rematamos o curso coa posta en escena dunha nova montaxe de teatro de marionetas. Esta actividade que comezou a andar alá polo curso 2008-09 xa está plenamente consolidada e goza de grande éxito sobre todo entre o público miúdo. 
Alumnado do CEIP Isidora Riestra viñeron ver nesta ocasión tres obras clásicas de títeres de luva dos autores Javier Villafañe e Daniel Vilela; Chímpate Chámpata, O bosque da meiga Poucopelo e O roubo das pebidas de ouro, feitas polas alumnas Laura Fernández, Nicole, Lidia Alvariñas, Bibi Fernández, Carla Couselo, Laura Otero e Lucía González de 3º ESO, 4º ESO e 1º Bach.
Mi película from ENDL Poio on Vimeo.

O Roubo das Pebidas de Ouro from ENDL Poio on Vimeo.

chímpete chámpata from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 6 de novembro de 2015

No Ponteatro con Mofa e Befa


Dentro da programación de Ponteatro por onde pasaron e pasarán diversas compañías teatrais galegas como Voadora, Teatro do Morcego ou Teatro do Atlántico. Onte foi o turno de Mofa e Befa, que dende algún tempo nas súas montaxes colaboran co actor e director Quico Cadaval.
Alumnos e a alumnas de 4º de ESO foron ver e desfrutar a súa última montaxe, de grande éxito de crítica e público e que foi coproducida polo festival clásico de Almagro. 



Bobas & Galegas é un percorrido gozoso polos argumentos, ocupacións, preocupacións e industrias dos criados do século de Ouro, clase social que, de todos os traballadores manuais, foi a que contemplou dende máis cerca o poder, o seu ouropel, a súa erótica e a súa vaidade.


Un dúo cómico procedente dos límites da delincuencia, Mofa&Befa, foron detidos o ano pasado en Almagro tras inflinxir dolorosas feridas ao inmortal Shakespeare. Postos en liberdade por un erro xudicial, saen do cárcere onde os recluíra a crítica e regresan a Almagro para saciar a súa sede de vinganza. Quen é a víctima? O inocente teatro clásico español. 
Aproveitando o seu acento, fanse pasar por criados galegos e desgástanse cínicamente en xenuflexións e reverencias para gañarse a simpatía do público. No cárcere adquiriron unha enfermidade de transmisión textual que lles obriga a falar en verso. Tanto lles da a redondilla como o romance. Cales son as súas armas? Dous fouces de segador que cortan por igual os trigos e os tópicos. Poden transformarse, para lograr os seus fins, en anxos ou demos, cabaleiros ou bufóns, bobas ou galegas.

Mofa & Befa é un comando de comedia contemporánea que comprobou as súas armas nos máis hostís campos de batalla como bares, universidades, festivais vascos e/ou de teatro clásico, resultando sempre con simples rabuñaduras ou feridas leves.

venres, 12 de xuño de 2015

Unha Parada no teatro


Este venres tivo lugar a estrea da obra A Parada, de Javier Portillo, representada polo alumnado de 3º ESO B  e dirixida pola profesora Carmen Redondo.
A Parada é unha comedia urbana chea de personaxes disparatados que nos van contando a súa vida mentres agardan nunha parada de autobús.
Queriamos agradecer á compañía de teatro "Lúa Chea " de Poio e a algúns dos seus membros a súa inestimable axuda ao achegarnos algún material de vestiario e decorados 














sábado, 7 de marzo de 2015

Títeres para os máis pequenos



O grupo de teatro de títeres do IES de Poio, formado por alumnos e alumnas de 4º de ESO, representaron dúas obras xa clásicas do seu repertorio para un público moi especial. Setenta e cinco alumnos/as do ciclo de Infantil do CEIP Isidora Riestra pasárono en grande vendo as alegrías e as desgrazas dos personaxes e por suposto axudaron a que todos tiveran un final feliz.
A continuación deixámosvos un anaco da función.


Benvidos ao teatro de títeres from ENDL Poio on Vimeo.

O demo das tres colas from ENDL Poio on Vimeo.

luns, 24 de novembro de 2014

O FEO

O venres 21 os alumnos de 3º ESO asistiron á representación da compañía Catrocadeiras que puñan en escea a súa primeira montaxe titulada O FEO, do dramaturgo alemán Marius Von Mayenburg.
Unha comedia cargada de mensaxe e máis nos tempos que corren onde rendemos pleitesía a todo o que ten que ver coa imaxe.
Ao final da obra,  tanto os actores como o director conversaron co público e comentaron algunhas claves de como traballaron o texto, os personaxes ou a posta en escea. 
O elenco desta montaxe está formado por: Machi Salgado, Laura Campos, Manuel Polo e Xoán Abreu e está dirixida por Juan Carlos Corredoira.



Lette considérase unha persoa normal. Traballa duro como enxeñeiro e goza dun matrimonio apacible, sen sobresaltos. Mais un día descobre unha terrible verdade: é espantosamente feo. 




Realmente foi unha proposta interesante e fresca dentro do panorama teatral galego á que lle desexamos moito éxito e un longo percorrido.



O Feo Promocional from CatroCadeiras Producións on Vimeo.

luns, 2 de xuño de 2014

Teatro de Títeres en Poio

Despois de meses de ensaios, de construír e vestir os bonecos, elixir as músicas e repetir unha e outra vez cada escea chegou o día.
E para a estrea veu nada máis e nada menos que un público moi esixente. Os alumnos das escolas infantís do concello de Poio achegáronse e acompañáronnos neste emocionante momento.
Os e as alumnas Luana Cáceres, Carmen Martínez, Sergio Torres, Gabriel Rea, Laura Fernández e Carla Couselo puxeron voz e deron vida aos personaxes inventados por Daniel Vilela e o gran Javier Villafañe.
Podedes ver unha das obras que representamos: Felón o bandido e o manzaneiro troleiro.
Esta xa é a nosa 3ª montaxe, e seguro que non será a última!


De esquerda  a dereita: Sergio Torres, Gabriel Rea, Luana Cáceres, Carmen Martínez, Carla Couselo e Laura Fernández




Felón o bandido e o manzaneiro troleiro from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 28 de marzo de 2014

As do Peixe

Casualidade ou non,  celebramos o Día Internacional do Teatro indo ver ao Pazo da Cultura de Pontevedra unha das obras gañadoras dos últimos Premios María Casares: As do Peixe.
Trátase dun texto de Cándido Pazó e dirixido por Cristina Domínguez baseado nos testemuños de ducias de mulleres que traballaron nalgunhas das conserveiras máis importantes do noso país e que hoxe están desaparecidas e con elas parte do noso patrimonio e pasado industrial.
A montaxe mestura o presente coa memoria destas mulleres, fiando a situación actual de descomposición do sistema con outra descomposición, con outra caída de certezas propias desta industria que para unha xeración de mulleres significou a entrada ao mundo laboral. As do peixe fura, dende o presente, nese pasado moi próximo e busca reflectir as circunstancias, non só das mulleres das conversas, senón tamén e dalgún xeito, das mulleres traballadoras. 


A obra divídese en “catro cadros” nos que as mulleres van lembrando a súa vida nesta industria, aínda que no texto tamén se coa os tempos ruíns dos nosos días. Na obra, constantemente volvemos ao pasado, pero a situación actual está presente". 
O que contan as personaxes dos seus tempos lembra moito "ao que está sucedendo agora co traballo, coa descomposición do tecido empresarial, laboral, social”.
Catro traballadoras, catro intérpretes. Elas son Monica Camaño, Susana Dans, Rocío González e, loxicamente, Casilda Alfaro, que levou a cabo, xunto a Domínguez, o traballo de campo e as entrevistas. Elas catro poñen cara e voz a toda un segmento de traballadoras da historia de Galicia. 


Alumnos de 2º ESO coa mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Na entrada do Pazo da Cultura