martes, 14 de febreiro de 2017

Canteira de cineastas

Alumnos de 4º da ESO participan no programa Cinema en curso gravando un documental sobre os oficios tradicionais da vila

  No Diario de Pontevedra

            

13 curiosidades científicas



Vén de saír do prelo do IES de Poio o libro 13 curiosidades científicas! Como reza no seu prólogo: "O libro, editado polo Equipo de Dinamización Lingüística do Instituto foi escrito, ilustrado e maquetado por alumnado de 4º da ESO. Nel os alumnos e alumnas explican fenómenos físicos sorprendentes, como as auroras boreais, a existencia dos aneis de Saturno, ou o efecto das bólas de fútbol ao xirar. Tamén explican cuestións de corte máis filosófico, como por que se di que somos po de estrelas, se podemos viaxar no tempo ou se existen outros planetas habitables no Universo. Textos sobre o arco da vella, a proba do Carbono 14, a materia e enerxía escuras, entre outros, completan os 13 artigos nos que se remata suxeríndonos unha sorprendente pregunta: Choven diamantes en Xúpiter?” 
Parabéns a todos os autores e ao profesor Marcos López Pena porque é un traballo magnífico 👍

domingo, 5 de xuño de 2016

Teatro de Títeres

Como xa vén sendo tradición rematamos o curso coa posta en escena dunha nova montaxe de teatro de marionetas. Esta actividade que comezou a andar alá polo curso 2008-09 xa está plenamente consolidada e goza de grande éxito sobre todo entre o público miúdo. 
Alumnado do CEIP Isidora Riestra viñeron ver nesta ocasión tres obras clásicas de títeres de luva dos autores Javier Villafañe e Daniel Vilela; Chímpate Chámpata, O bosque da meiga Poucopelo e O roubo das pebidas de ouro, feitas polas alumnas Laura Fernández, Nicole, Lidia Alvariñas, Bibi Fernández, Carla Couselo, Laura Otero e Lucía González de 3º ESO, 4º ESO e 1º Bach.
Mi película from ENDL Poio on Vimeo.

O Roubo das Pebidas de Ouro from ENDL Poio on Vimeo.

chímpete chámpata from ENDL Poio on Vimeo.

mércores, 25 de maio de 2016

Manuel María. Da tebra ao compromiso

Clausuramos o Mes das Letras cun recital poético-musical homenaxeando a Manuel María, facendo un percorrido pola súa produción poética dende os inicios ata as súas últimas composicións.

En colaboración co Departamento de Música, alumnos de 2º e 3º de ESO interpetaron varios temas e finalizaron co poema O Carro, musicado nos anos 70 polo grupo Fuxan os Ventos.


Escollemos 16 composicións do poeta chairego que combinaban poemas senlleiros como: Bando, Documentos Persoais, Terra Chá, O Pobo ou A Fala con outros menos coñecidos como: Cando o silencio é Tebra ou a Loita Final.

O carro from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 6 de maio de 2016

Queremos Galego Videoclip

O IES As Barxas de Moaña volve sorprender unha vez máis a través da súa creatividade. Canta e baila pola lingua galega e presenta 'Queremos Galego', nova canción e videoclip elaborado no Obradoiro de Música, dirixido polo profesor  Seso Durán.
O videoclip enmárcase nunha destas iniciativas que pretenden servir para concienciar á mocidade da importancia de defender, e sobre todo, de empregar a lingua propia de Galicia. 
Como tantos outros temas de rap, a letra ten o seu lado reivindicativo: "É de xustiza dicir o que pasa; contar as verdades directas e francas; hai quen non quere que fales galego; non queren que fales na fala que falas".
Nesta ocasión, o Obradoiro Música As Barxas compuxo, gravou e editou o videoclip coa participación de alumnas e alumnos de 4º de ESO e Bacharelato. A través do rap de MC Jeremías e Seso Durán, contando tamén coa voz de Iván Maestú ‘Chiwi’, o alumnado reflexiona sobre a importancia da lingua en ‘Queremos Galego’.
Tamén participan Lucía Parcero, Iria Collazo, Claudia Antepazo, Lía Fernández, Tamara Rodríguez, Elena Fernández, Paula Martínez, Yanira Moldes e Seso Durán nos coros e o saxo de Lía Fernández. O vídeo está dirixido por María Cancelas e Aitana Sanz.
Dende  que penduraron o resultado en Youtube, o videoclip está a ser viral con miles de reproducións. Unha agradable sorpresa para a nosa lingua e cultura. 
Continuará o seu percorrido  participando en distintos festivais de audiovisual e desexámoslle todo o éxito que se merece.

Galicia, País das Letras

Grazas á colaboración co SNL do Concello de Pontevedra, chéganos esta actividade que pretende dinamizar o uso da lingua a través do xogo e do traballo en equipo.



A través dunha proposta en escena teatral e con formato de gran feirón, propónselles aos participantes unha serie de retos que van ter que superar de maneira rotatoria e cooperativa. 
As probas desta xincana buscan achegar contidos culturais relacionados coa lingua e a cultura galega dunha maneira participativa, lúdica e potenciando aspectos orais.



Os alumnos de 1º de ESO que participaron tiveron que realizar unha serie de probas que ían dende os xéneros literarios:teatro, narrativa e poesía e a creatividade literaria; as Letras Galegas e Manuel María ata o patrimonio cultural inmaterial: a música, tradición e literatura oral.


luns, 2 de maio de 2016

Exposición Manuel María


A Fundación Manuel María cedeunos temporalmente a exposición Manuel María, A Palabra Viva coa que queremos dar a  coñecer entre o noso alumnado a figura do gran poeta chairego.
Vinte e cinco paneis que repasan a historia, a personalidade e a obra literaria de Manuel María. Os paneis constan de imaxes, capas dos seus poemarios, textos manuscritos e fotografías que dan constancia da súa forte implicación no eido cultural e político de Galicia ao longo da súa dilatada vida.

Esta actividade vén sumarse a outras que se han de pór en marcha ao longo do mes  e que van dende obradoiros, recitais,  concursos ou  murais  que xiran arredor da figura do poeta de Outeiro de Rei.
Ademais xa temos as chapas que dende o ENDL de Poio deseñamos para homenaxear a Manuel María e que levan como lema os últimos versos do poema A Fala: "Precisamos a lingua se queremos vencer". 
Esperamos que vos gusten a tod@s.