Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de novembro de 2015

Gañadores Concurso de Microrrelatos

Eis aquí os dous traballos gañadores do concurso de microrrelatos que este ano organizamos desde o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística. 
Parabéns a todos os que participastes porque para o xurado foi certamente complicado elixir. 
Dos máis de 60 microrrelatos presentados fixemos unha selección de 15 que durante varias semanas estarán expostos no vestíbulo do centro.
Aquí vos deixamos os microrrelatos gañadores e tamén algúns dos seleccionados. Parabéns e grazas a todos os participantes.

1º Premio
Ángela Cancela Ramírez 1ºC
Xa era medianoite e nada se movía, salvo ela, apuñalándome unha e outra vez cunha man, e coa outra acalando os meus berros. De súpeto espertei e alivieime ao saber que era un soño pero ao dirixir a vista ao reloxio e ver que quedaba un minuto para a medianoite comecei a notar como a porta do meu armario se abría.
2º Premio
Iván Vallejo Barreiro 2ºD

Xa era medianoite e nada se movía. O estraño virus xa arrasara a cidade. Na escuridade vislumbrábanse os cadáveres retorcidos dos que non o soportaron e os supervivintes seguramente xa perderan o control de si, pensou Langdon.
Langdon vagaba pola cidade en busca dalgún supervivinte que lle puidese explicar os efectos do virus cara ao comportamento. Cando lle pareceu ver moverse a alguén na escuridade, empezou a soar un pitido. O tempo de proba do simulador acabara e Xabier non o pasara nada mal.

Iván Vallejo e Ángela Cancela recollendo cadanseus premios
Outros traballos seleccionados
Xa era medianoite e nada se movía, estaba a punto de perder a conciencia pero me negaba polo pavor a que os meus ollos non se pecharan completamente.
Xiaodie Wang Liu 3º A

Xa era medianoite e nada se movía, só estaba esa nena coa súa caixiña no seu corazón. Nin un pozo negro basta para meter todos eses sentimentos.
Patricia Vigo Gómez 2ºD

Xa era medianoite e nada se movía, só unha única persoa paseaba pola rúa, era moi tarde. Entre as árbores, de súpeto, viu unha sombra. Era fría, misteriosa, tenebrosa e daba pánico. Achegouse e dunha forma estraña consumiuna de tal maneira que só quedaban os seus ollos cheos de bágoas, brillando na escuridade.
Karla de la Torra Cardoso 2ºB

Xa era medianoite e nada se movía, pero naquel escuro e solitario lugar aínda perduraba o son daquela arrepiante voz que os deixara aterrorizados.
Yessica González Bello 3ºA

Xa era medianoite e nada se movía cando baixei a por un vaso de leite. De súpeto escoitei un ruído que viña da cheminea. Achegueime a modo sen faer ruído. Abrín de todo os ollos e alí estaba...cachei a Papá Noel poñéndome os agasallos na árbore.
Pablo Gómez Martínez 2º B

Xa era medianoite e nada se movía, un corpo inmóbil aboiaba sen descanso e sen fin por aquel infinito mar.
Javier Blanco Soto 3º A

Quen era?
Xa era medianoite e nada se movía, cando sentín unha fría man agarrándome o ombreiro. Quixen dar volta pero o medo non me deixaba porque sabía que o que me agardaba detrás non era de todo bo.
Laura Abilleira 2º D

Ódiote
UN IMAN NO FRIGORIFICO SOSTIÑA A NOTA , AQUELA NOTA DE COR VERMELLA, ESTABA UN POUCO ARRUGADA E A LETRA PARECÍA TEMBLAR MOITO. SE POIDESES ACERCARTE UN POUCO MAÍS PODERÍAS LER:
TODO ISTO É POLA TÚA CULPA ROSA, POR DESPRECIARME TODOS ESTOS ANOS, POR NON QUERERME, ADEUS MAMÁ.
A NOTA TIÑA UN POUCO DE SANGUE NA ESQUINA INFERIOR ESQUERDA. SE NOS FIXÁSEMOS NO FRIGORÍFICO DE COR BRANCA VERÍAMOS UNHA GRAN MANCHA DE SANGUE E UN CORPO DUN NENO CUNHA ESCOPETA NA MAN TODO MANCHADO DE SANGUE E CUN ORIFICIO QUE LLE PERCORRÍA DENDE O INTERIOR DA BOCA ATA O COGOTE.
MARTIN VILLAR BOULLOSA 2ºB

A PROFUNDA CURIOSIDADE
Xa era medianoite e nada se movía, Pedriño non podía durmir, só pensar que seguramente non volvería ver ó seu gato Puscas. Xa pasaran oito días dende que desaparecera. Entón escoitou o miañar. Centos de pensamentos agolpáronse na súa testa. O son repetiuse, inconfundiblemente, a suave chamada de Puscas, aceleróuselle o pulso, sabía que a esas horas non podía sair só de casa, mais seus pais non estaban. Debateuse en silencio ata que soou outra vez o miaño e tomou unha decisión. Púxose as pantuflas, saíu cara o corredor e abríu a porta.
Nada ocorría fóra, deu un paso, entón a fría besta de oscuridade cos seus milleiros de dentes de marfil diferentes, as súas poutas de costelas e a súa brumosa forma caeu do teito. Pedriño só puido ver o esquelete de Puscas movéndose na amorfa boca do monstro antes de que a oscuridade consumise a súa alma e o seu corpo formase parte da colección de esqueletes.
Diego Piñeiro 1º Bacharelato

xoves, 15 de outubro de 2015

Concurso de Microrrelatos de misterio


Coñeces o conto máis breve da historia da literatura? Sabes que é posible crear mundos imaxinarios con tan só sete palabras? 
Acabas de chegar ao marabilloso mundo das historias do tamaño dun gran de area.... 


O Equipo de Normalización Lingüística do IES de Poio organiza un concurso de microrrelatos que xiran arredor do medo, do misterio ou do terror.
 

Que é un microrrelato?
O microrrelato é unha construción literaria narrativa cuxa principal característica é a brevidade. No microrrelato OS TÍTULOS ADOITAN SER PERTINENTES, PORQUE PODEN AXUDAR A COMPLETAR AQUILO QUE, POLA BREVIDADE, NON SE DI.
 


O único que tes que facer é crear o teu conto a partir dalgún destes principios:

1. “Antes de poñer o anel frotou o metal contra o peito...”
2. “Xa era medianoite e nada se movia....”
3. “ Un imán no frigorífico sostiña a nota...”

A data límite para a recepción dos traballos é o 29 de Outubro de 2015.
Haberá un 1º e un 2º  premio para os mellores relatos.  

venres, 5 de xuño de 2015

Colleitando Premios

Dende o ENDL do IES de Poio queremos darlle a noraboa a todos aqueles alumnos e alumnas que participaron en diferentes concursos de creación literaria e artística organizados por organismos, institucións e colectivos de fóra do noso centro. E en particular quixeramos nomear a aqueles que acadaron algún galardón,  como son:

Certame Literario Illa Couto (Concello de Poio)

- 1º Premio en Relato e Poesía (Categoría E): Carmen Ansín Vallejo (1º Bacharelato)
- 1º Premio en Relato (Categoría D): Daniel Otero Veloso (1º ESO)
 




III Certame de Banda Deseñada do IES Arcebispo Xelmírez I

- 2º Premio: Alba Jiménez e Mario Acuña




luns, 2 de marzo de 2015

XXIII Premios Xaime Illa Couto

 


Ata o vindeiro 14 de abril está aberto o prazo para a recepción de traballos. O premio, impulsado e auspiciado por D. Xaime Illa Couto, acada este ano a súa XXIII edición.
O xurado -formado polos representantes das asociacións culturalis que integran o Consello Municipal de Cultura- reunirase o martes 5 de maio para fallar os premios.
As categorías, modalidades e premios serán as mesmas que nas anteriores edicións. Lembramos que fai dúas edicións se ampliara a categoría F para abrir o concurso á participación de persoas de todas as idades, coa intención de dar un novo pulo na potenciación da produción literaria na nosa lingua.


O acto de entrega de premios, como é costume, terá lugar o 17 de maio no Centro Cultural Xaime Illa Couto, no transcurso dos actos organizados pola Concellaría de Cultura e pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó.

Deixamos nesta ligazón as bases que rexen este certame.

xoves, 19 de febreiro de 2015

Concurso Lingua de Namorar


Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O obxectivo principal é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.
Para participar no concurso, só tes que premer no botón "Envía as túas mensaxes" e cubrir o formulario. Ademais da mensaxe ou mensaxes, cómpre indicar os datos persoais e de contacto.

Podes ver as bases do concurso clicando nesta ligazón

xoves, 5 de febreiro de 2015

Entrega do Premio "Fotografía o teu lugar"

Por unhas cousas e outras fómonos retrasando pero ao final sempre cumprimos. Esta mañá a directora, Anxos Rial, fixo entrega do premio á gañadora do concurso "Fotografía o teu lugar", Paula Crespo de 1º de Bacharelato. 
A alumna recibiu o agasallo e que consistía, como non podía ser doutra maneira, nunha cámara dixital. Parabéns á gañadora e que siga a practicar a fotografía que, polos resultados, non se lle dá nada mal.



mércores, 10 de decembro de 2014

Fotografíando o lugar

Aquí deixamos unha selección das mellores 10 instantáneas presentadas ao concurso "Fotografía o teu lugar" que organizamos por vez primeira desde o Equipo de Normalización Lingüística en colaboración coa concellería de cultura do Concello de Poio. Parabéns a todos os que enviastes as vosas fotografías e colaborastes con esta iniciativa.

Noraboa ás alumnas/os: Paula Crespo, Sheila González, Lidia Pereira, Belén Pérez,  Mª Serantes Quiñones, David Villaverde e Jaime Pérez.









martes, 14 de outubro de 2014

Concurso "Fotografía o teu lugar"

O ENDL do IES de Poio comeza o curso animando a todas aquelas persoas  que lles guste a fotografía ou simplemente teñen algo que contar cunha imaxe a participar neste concurso fotográfico " Fotografía o teu lugar".
Os traballos seleccionados empregaranse para ilustrar o calendario 2015 que promove o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística.


BASES
      -     Poderán participar todos os alumnos do IES de Poio
-     Cada participante pode presentar un máximo de 3 fotografías en formato dixital.
-    Poderanse empregar para a realización das fotografías tanto cámaras dixitais coma teléfonos móbiles ou tablets.
-    Os traballos deberán ser orixinais e inéditos
-   Non poderán aparecer datos persoais do autor no traballo que se entregue. Os datos deberán ir nun arquivo adxunto.

-   Entre os criterios a valorar polo xurado están: a orixinalidade, a calidade artística, a mensaxe  que se quere transmitir.



PRAZO E PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
-    O prazo de presentación dos traballos REMATA O DÍA 20 DE NOVEMBRO
Os traballos enviaranse por correo electrónico nun arquivo ao enderezo: titoria2c@gmail.com
-    Ademais, nun documento adxunto deberá figurar o nome do autor e curso en que está matriculado

                       1º PREMIO: Cámara Dixital
          

venres, 14 de febreiro de 2014

Gañadoras e gañadores cartas de amor

Compartimos con todos vós os traballos gañadores do 1º concurso de cartas de amor en galego. 
Parabéns a todos os participantes e a seguir bicando en galego.

Traballos gañadores:


Alejandro F.P        1º ESO B.       Preme aquí 
Laura Villaverde   2º ESO A       Preme aquí
Noemí González    2º ESO D       Preme aquí
Daniel Fandiño      2º ESO D       Preme aquí




xoves, 23 de xaneiro de 2014

Bica en Galego



Achégase unha data sinalada como ideal para amosar os nosos sentimentos a aqueles que máis queremos. E nesta ocasión, por que non facelo en galego?
Por iso queremos desde o ENDL e a Biblioteca que este ano "biques en galego" e te animes a participar.
Debes escribir unha carta ou unha declaración de amor en lingua galega que pode ir dirixida a outras persoas, á natureza, a obxectos ou calquera cousa animada que nos guste tanto que sexa capaz de espertar en nós sentimientos de amor.
- Poderán redactarse en prosa ou en verso; a man, máquina ou ordenador e non deberán sobrepasar unha carilla de extensión
- Poderanse empregar todas aquelas técnicas que se desexe e cada participante poderá enviar un máximo de dúas cartas.

O prazo remata o día 10 de febreiro.
- Presentaranse preferiblemente en sobre pechado e tanto na Biblioteca coma na conserxería
- Terase en conta o grao de elaboración, a orixinalidade, o correcto uso do idioma e a calidade da lingua.
- A organización poderá desbotar aquelas mensaxes de carácter discriminatorio ou ofensivo
- Todas as cartas deberán ser inéditas.



xoves, 7 de novembro de 2013

I CONCURSO "DIMO EN GALEGO"

Comezamos este mes de novembro buscando futuros deseñadores para crear a nosa 1ª campaña de Fomento do uso da Lingua Galega e queremos atopar  "o slogan". Por iso convocamos este concurso de ideas entre o noso alumnado porque queremos que nolo digan en galego.




Se queres participar, aquí están as bases do concurso:

BASES DO I CONCURSO “DIMO EN GALEGO”

OBXECTIVOS
  • Normalizar e fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade
  • Tomar conciencia da importancia de ter unha lingua propia que debe ser preservada.
  • Potenciar o uso do galego dun xeito lúdico e creativo
QUE É?
Con este certame pretendemos atopar UN SLOGAN ACOMPAÑADO DUNHA IMAXE OU DEBUXO que contribúa a enorgullecernos da nosa lingua e a nosa cultura e axudar a aumentar o uso da lingua galega, sobre todo entre a xente moza.

DESTINATARIOS
Alumnos e alumnas do IES de Poio

BASES
  • Cada participante pode presentar un máximo de 3 traballos
  • Poden empregarse calquera soporte e materiais
  • Os traballos deberán ser orixinais e inéditos
  • Non poderán aparecer datos persoais do autor no traballo que se entregue. Os datos deberán ir nun documento a parte.
  • O formato de presentación deberá ser preferentemente dixital aínda que tamén serán aceptados traballos en papel ou cartolina
  • Entre os criterios a valorar polo xurado están: a orixinalidade, a calidade creativa, o deseño, o correcto uso da lingua...
  • O traballo gañador será empregado para a confección de chapas, camisolas, marcapáxinas que serán repartidos nos centros de ensino do concello de Poio.
  • Todos os traballos presentados expoñeranse no IES de Poio e tamén na paxina web do centro

PRAZO E PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
  • O prazo de presentación dos traballos REMATA O DÍA 13 DE DECEMBRO
  • Os traballos poderán enviarse nun arquivo ao correo: titoria2c@gmail.com ou ben entregarse en sobre pechado na conserxería do centro. Ademais, nun documento adxunto ou nun sobre a parte deberá figurar o nome do autor e curso en que está matriculado
PREMIOS

Os traballos premiados daranse a coñecer o día 20 DE DECEMBRO de 2013 e recibirán como agasallos:
1º PREMIO: Videoconsola portátil PSP de Sony
2º PREMIO: un MP4

O XURADO
  • O xurado estará composto por varios membros do ENDL e un representante do Concello de Poio.
  • A decisión do xurado será pública e inapelable
  • O xurado poderá declarar o concurso deserto

A PARTICIPACIÓN NESTE CERTAME IMPLICA A ACEPTACIÓN DESTAS BASES