mércores, 27 de xaneiro de 2016

Coñecendo a xustiza

Un novo ano, alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Ética e Filosofía do Dereito, asistiu o pasado martes á Sala Segunda da Audiencia de Pontevedra para presenciar un xuízo.
Nesta ocasión tratábase dun xuízo por lesións e outro contra a saúde pública.
Fronte a Audiencia Provincial
Durante a vista os alumnos puideron coñecer os xeitos de proceder dos letrados e dos membros do tribunal e logo conversaron tanto cos avogados coma co xuíz Xose Xoan Barreiro.


Esta actividade que realiza o departamento de Filosofía e na que colaboramos xunto co Gabinete de Normalización Lingüística da Audiencia Provincial, serve para achegar e dar a coñecer o funcionamento da xustiza e o uso que da lingua galega se fai neste ámbito, que segundo o informe do Consello de Europa cómpre dunha maior presenza.

A este respecto o xuíz Xose Xoan Barreiro entende que se foron dando pasos neste sentido, apesar de que aínda resta moito camiño por andar.

domingo, 17 de xaneiro de 2016

Charla de David Amor

David López Veleiro, máis coñecido como David Amor, que na actualidade triunfa coa serie de TV "Gym Tonic",  veunos visitar e deunos a coñecer unha faceta persoal alonxada dos focos e do mundo da televisión.
Quixo compartir a súa experiencia vital e falar da importancia de ser nós mesmos e non poñernos límites para perseguir a felicidade. 

A necesidade de compartir e entre todos facer un mundo máis habitable, de sentirnos orgullosos do noso e en particular da nosa cultura foron outros temas que xurdiron na conversa onde propuxo algúns exemplos a seguir como Chris Hadfield que compartiu un tema de David Bowie dende a ingravidez espacial ou Dick Hoyt que conseguiu rematar un triatlón co seu fillo discapacitado.
Esta actividade foi realizada en colaboración co Departamento de Filosofía.

Charla David Amor from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 8 de xaneiro de 2016

Arrinca o Club de Debate 2016

Coa xornada de formación arrinca o Club de Debate, cuxa fase local se desenvolverá o vindeiro 20 de Febreiro no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Dez alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato do noso instituto participan xunto a outros 60  estudantes de sete centros de ensino na primeira fase desta edición, que terá en Carballo no mes de abril o seu punto final.
 

Na xornada de formación traballáronse diferentes aspectos en habilidades comunicativas (linguaxe verbal e non verbal, voz e entoación), deixar atrás medos e complexos e facer uso de todas as súas calidades e recursos para desenvolver calquera tema nun tempo limitado.


Esta actividade está promovida polos Servizos de Normalización Lingüística de diferentes concellos galegos (Pontevedra, Carballo, Rois, Santiago, Teo, O Carballiño, Ames e Negreira) quere ser un punto de encontro para a xente nova, unha oportunidade para coñecer a súa opinión sobre determinados asuntos e desmitificar a imaxe dunha mocidade pasiva e pouco implicada nos problemas da sociedade.
Defender ideas con palabras é unha forma de pór en valor as habilidades sociais tan necesarias hoxe en día e potenciar a nosa lingua como ferramenta indispensable para defender as nosas ideas.