Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de maio de 2016

Queremos Galego Videoclip

O IES As Barxas de Moaña volve sorprender unha vez máis a través da súa creatividade. Canta e baila pola lingua galega e presenta 'Queremos Galego', nova canción e videoclip elaborado no Obradoiro de Música, dirixido polo profesor  Seso Durán.
O videoclip enmárcase nunha destas iniciativas que pretenden servir para concienciar á mocidade da importancia de defender, e sobre todo, de empregar a lingua propia de Galicia. 
Como tantos outros temas de rap, a letra ten o seu lado reivindicativo: "É de xustiza dicir o que pasa; contar as verdades directas e francas; hai quen non quere que fales galego; non queren que fales na fala que falas".
Nesta ocasión, o Obradoiro Música As Barxas compuxo, gravou e editou o videoclip coa participación de alumnas e alumnos de 4º de ESO e Bacharelato. A través do rap de MC Jeremías e Seso Durán, contando tamén coa voz de Iván Maestú ‘Chiwi’, o alumnado reflexiona sobre a importancia da lingua en ‘Queremos Galego’.
Tamén participan Lucía Parcero, Iria Collazo, Claudia Antepazo, Lía Fernández, Tamara Rodríguez, Elena Fernández, Paula Martínez, Yanira Moldes e Seso Durán nos coros e o saxo de Lía Fernández. O vídeo está dirixido por María Cancelas e Aitana Sanz.
Dende  que penduraron o resultado en Youtube, o videoclip está a ser viral con miles de reproducións. Unha agradable sorpresa para a nosa lingua e cultura. 
Continuará o seu percorrido  participando en distintos festivais de audiovisual e desexámoslle todo o éxito que se merece.

venres, 10 de abril de 2015

SÉS


Como xa vos comentaramos hai uns meses, “Cántamo en Galego” é un espazo musical radiofónico no que cada luns, coñecemos  todas as novidades dentro da produción musical en galego: discos, concertos, certames, festivais, eventos...
Dentro deste proxecto, periodicamente se desenvolven encontros con cantantes  e grupos da escena musical galega onde os asistentes poderán preguntar todo aquilo que desexen ou satisfacer algunha curiosidade.
Este xoves 16 de Abril tócalle o turno a Sés, unha das cantantes con máis éxito do noso panorama musical e que está  a facer concertos non só dentro da nosa xeografía senón tamén no exterior.



Agora está a presentar o seu terceiro traballo "Tronzar os valos" e que porá en escena o vindeiro 24 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. Non  a perdades!
Máis información en: http://www.mariaxosesilvar.com/#about
e https://www.facebook.com/mariaxosesilvar





luns, 9 de febreiro de 2015

Bravú XX



Durante 15 días  a exposición "Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!”, cedida polo Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra, estará no  noso instituto para achegar ao alumnado este movemento musical e cultural que revitalizou a cultura galega nos anos 90 e do que saíron gran cantidade de bandas, músicos e artistas hoxe memoria viva da música galega.

"A noite Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o bravú. Unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock cantado en galego, magma vizoso que entón estaba a agromar por todo o país. Vinte anos despois cómpre lembrar o comezo desta aventura. Unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo que as persoas máis novas teñen dereito a coñecer.
O bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro de vida por outros camiños. Nesta exposición queremos recoller ese proxecto de axitación xeral, alicercedunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos.
Como pregoábamos entón, vinte anos despois: tanta paixón quen poderá detela!"


Se queredes saber máis clicade nesta ligazón


xoves, 4 de decembro de 2014

Caxade. Imperdible!


Esta fin de semana terá lugar na cidade do Lérez o Culturgal, e dentro da súa programación un dos seus pratos fortes será Caxade;  o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Algo que non vos podedes perder. Indie-folk cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. 
Caxade, que naceu no ano 2012 como un proxecto audiovisual transgresor é hoxe unha realidade consolidada dentro do panorama musical galego.

Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico.


venres, 24 de outubro de 2014

Cántamo en galego

Cántamo en Galego” é un novo espazo musical radiofónico no que cada luns, durante o programa Pontevedra na Onda, coñeceredes todas as novidades da produción musical en galego: discos, concertos, certames, festivais, eventos...
Como mostra aquí tendes o último traballo de Tempo Catro:  Os ollos que falan. 11 cantares galegos” 




Na seguinte ligazón podedes escoitar a emisión do luns 20 de outubro.


luns, 19 de maio de 2014

"Entre Nimbos" Homenaxe a Xosé María Díaz Castro


A noite é necesaria. Xose Mª Díaz Castro from ENDL Poio on Vimeo.

En colaboración co Departamento de música,  quixemos facer a nosa particular homenaxe ao poeta Xose Mª Díaz Castro co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.





"Entre Nimbos" foi un espectáculo poético-musical onde alumnos e alumnas de todos os niveis da ESO e profesores interpretaron poemas do libro Nimbos e tamén doutros poetas galegos que foron obxecto deste día en edicións pasadas. 




As floriñas dos toxos . from ENDL Poio on Vimeo.


Ahí vén o maio from ENDL Poio on Vimeo.

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Comezando o ano "A piques de estoupar"

Comezamos o novo ano coas mesmas ganas que rematamos o 2013. Hai moitas cousas que mellorar, que denunciar antes de que nos estoupe nas mans. Este tema do grupo Som do Galpom é proba diso e ademais cárganos de enerxía. Desfrutádeo!!!
Som do Galpom entrou na escea musical no 2008 gañando numerosos concursos como Nsaio no Camiño , Gz Crea e o Foundation Reggae Festival o cal levounos a grabar o seu primeiro disco "Em Terra de Ninguem" co que estiveron de xira por todo o país, Portugal, Alemaña,Cataluña e o País Basco.
Agora a sua nova formación presenta novo traballo "Galinha de Troia", unha mestura de funk, rap e folk que non vai deixar a ninguén indiferente.



mércores, 11 de decembro de 2013

"Eu chorar chorei" Escola María Soliña de Pubai (Orissa) India

A ONG "Shanga India" con sede en Cangas de Morrazo, leva adiante o desenvolvemento e financiamento da escola María Soliña en Pubai-Orissa (India). Este proxecto permite a formación e alimentación de nenas e nenos dunha rexión aillada e pobre que sen axuda non tería futuro. "Shanga", que significa amigo,  pretende acadar a totalidade do ensino oficial básico que na India comprende 10 cursos, escolarizando a 500 nenos e nenas. Podes obter máis información na súa páxina web www.shangaindia.org