mércores, 20 de abril de 2016

Roteiro Literario polo Salnés

A bisbarra do Salnés foi berce de grandes escritores e por este motivo achegámonos a Vilanova de Arousa e a Cambados para percorrer a vida e obra de dúas importantes figuras da literatura galega e castelá: Ramón Cabanillas e Ramón Mª del Valle Inclán.
Monumento a Valle Inclán en Vilanova de Arousa
Os departamentos de Lingua e Literatura Galega e Castelá deseñaron esta actividade para o alumnado de 4º de ESO e así fixemos um roteiro polos lugares máis importantes da biografia valleinclanesca: a casa museo do autor, encadrada no fermoso Pazo do Cuadrante; a casa do Cantillo onde naceu ou a igrexa da Pastoriza.
Casa do Cuadrante

Casa do Cuadrante
Despois dirixímonos á vila de Cambados e  dende a Praza de Fefiñáns continuamos o percurso ata a casa natal de Cabanillas; unha humilde construción de estilo mariñeiro que alberga algúns documentos, discursos, fotos e primeiras edicións das obras do tamén chamado Poeta da Raza.
Casa natal de Ramón Cabanillas
Tamén a capital do albariño foi testemuña da vida de Valle Inclán e visitamos a que foi a súa casa na rúa Real para despois continuarmos camiño ata as fermosísimas ruínas de Santa Mariña,  camiño do miradoiro da Pastora, inmortalizado no poema do cambadés “As tardes na Pastora”.
Igrexa de Santa Mariña

martes, 5 de abril de 2016

Encallados

Se o ano pasado foi A Esmorga, nesta ocasión tivemos a sorte de recibir no centro a Alfonso Zarauza, director entre outros dos filmes: “A noite que deixou de chover”, “Os Fenomenos” ou de “Encallados”. Precisamente foi este último o que visionaron os alumnos de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato que tiveron a oportunidade de intercambiar impresións co director e tamén preguntarlle todo tipo de dúbidas e curiosidades sobre o cinema galego, o proceso de creación ou mesmo sobre gustos cinematográficos.
Alfonso Zarauza

Alumnado durante o encontro
Encallados é unha longametraxe de 65 min, rodada en 16mm en branco e negro e que recrea as vivencias dun grupo de amigos em Compostela que tentan levar a cabo unha película co naufraxio do Prestige como fondo argumental. Unha comedia sobre o cine dende dentro, chea de autocrítica, humor e melancolia. O director fálanos do difícil que é levar adiante un proxecto e tamén que remate por chegar aos espectadores. 

Dende que rematou o filme, Encallados percorreu os teatros e auditorios de toda Galicia así como de centros culturais e asociacións para darlle visibilidade. Tamén conseguiu nos premios Mestre Mateo tres galardóns: mellor fotografia, mellor montaxe e mellor Película para Tv.


Encallados from Fernando Alfonsin on Vimeo.