martes, 27 de outubro de 2015

A praia das afogados


O ano pasado  falabamos da agardada estrea de "A Esmorga" que durante meses estivo nos cines galegos con grande éxito de público. Un filme 100% en galego e que esta semana pasada vén de recoller  tres galardóns no festival de cinema de Toulouse: ao mellor director, ao mellor actor ex aquo para “Morrís”, Karra Elejalde e Miguel de Lira e o premio á mellor fotografía.
 
Hai dúas semanas outro filme gravado na nosa terra e na súa meirande parte en galego acaba de estrearse nas salas de toda España, falamos da Praia dos Afogados; adaptación da exitosa novela homónima de Domingo Villar.

Sinopse: Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a costa. Se non tivese as mans atadas ás costas, Xusto Castelo sería outro dos fillos do mar que atopou a morte entre as augas mentres faenaba. Sen testemuñas nin pistas da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro da vila, tratando de poñer en claro o crime.

Co difícil e caro que é facer cine nestes tempos é encomiable a aposta decidida por historias que forman parte xa do noso universo literario e que ademais sexa en galego a súa banda sonora.
O  filme, un drama de suspense, está dirixido por Gerardo Herrero e no que o escritor Domingo Villar tamén asina o guión. Se pinchas aquí podes ler a entrevista que con motivo da rodaxe da fita lle fixeron dende Sermos ao director.
Deixámosvos o trailer e convidámosvos a encher as salas.


A Praia Dos Afogados - TRAILER galego from Tornasol Films on Vimeo.

xoves, 15 de outubro de 2015

Concurso de Microrrelatos de misterio


Coñeces o conto máis breve da historia da literatura? Sabes que é posible crear mundos imaxinarios con tan só sete palabras? 
Acabas de chegar ao marabilloso mundo das historias do tamaño dun gran de area.... 


O Equipo de Normalización Lingüística do IES de Poio organiza un concurso de microrrelatos que xiran arredor do medo, do misterio ou do terror.
 

Que é un microrrelato?
O microrrelato é unha construción literaria narrativa cuxa principal característica é a brevidade. No microrrelato OS TÍTULOS ADOITAN SER PERTINENTES, PORQUE PODEN AXUDAR A COMPLETAR AQUILO QUE, POLA BREVIDADE, NON SE DI.
 


O único que tes que facer é crear o teu conto a partir dalgún destes principios:

1. “Antes de poñer o anel frotou o metal contra o peito...”
2. “Xa era medianoite e nada se movia....”
3. “ Un imán no frigorífico sostiña a nota...”

A data límite para a recepción dos traballos é o 29 de Outubro de 2015.
Haberá un 1º e un 2º  premio para os mellores relatos.  

Volve o outono

Aínda que non o pareza xa estamos no outono. Non chegaron as chuvias, nin tampouco o frío pero si comezamos a ver as castañas pola rúa. E no pequeno souto que temos tras o instituto xa se empezan a estender polo chan os ourizos.
Por iso xa estamos a preparar o magosto, que este ano virá con algunha que outra sorpresa nova. Un día de festa que este ano queremos que sexa a antesala do Samaín.