martes, 29 de marzo de 2016

Conversando con Ledicia Costas

Hoxe tivemos un encontro coa flamante gañadora do Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 2015, Ledicia Costas e veunos a falar do libro co que conseguiu este galardón: Escarlatina, a cociñeira defunta.
A autora leva no mundo literario dende hai máis de quince anos e aínda que publicou moito para o público infantil e xuvenil tamén posúe libros de literatura para adultos e de poesía.
Ledicia Costas
Entre outros títulos é autora de “Unha estrela no vento” (Xerais 1999), “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012), “Recinto Gris” (Xerais, 2014) ou ''Un animal chamado néboa'' (Xerais, 2015) coas que leva colleitados algúns dos premios literarios máis prestixiosos como o Merlín de literatura infantil e xuvenil, o Premio Lazarillo ou o Fervenzas Literarias e Neira Vilas.

Alumnos de 1º de ESO conversaron coa autora sobre algúns dos aspectos do libro e descubriron algunhas claves para comprendelo mellor como que a escarlatina era unha enfermidade mortífera, que ao avó da autora gustáballe inventar cousas ou como se inspirou para crear os personaxes de Dodoto, Amanito ou Lady Horreur.



Tamén lles adiantou algo da “precuela” que acaba de saír do prelo: Esmeraldina, a pequena defunta, onde nos narra a vida anterior da protagonista Escarlatina antes de viaxar ao Inframundo.

Ledicia Costas from ENDL Poio on Vimeo.