Amosando publicacións coa etiqueta escritores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta escritores. Amosar todas as publicacións

martes, 29 de marzo de 2016

Conversando con Ledicia Costas

Hoxe tivemos un encontro coa flamante gañadora do Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 2015, Ledicia Costas e veunos a falar do libro co que conseguiu este galardón: Escarlatina, a cociñeira defunta.
A autora leva no mundo literario dende hai máis de quince anos e aínda que publicou moito para o público infantil e xuvenil tamén posúe libros de literatura para adultos e de poesía.
Ledicia Costas
Entre outros títulos é autora de “Unha estrela no vento” (Xerais 1999), “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012), “Recinto Gris” (Xerais, 2014) ou ''Un animal chamado néboa'' (Xerais, 2015) coas que leva colleitados algúns dos premios literarios máis prestixiosos como o Merlín de literatura infantil e xuvenil, o Premio Lazarillo ou o Fervenzas Literarias e Neira Vilas.

Alumnos de 1º de ESO conversaron coa autora sobre algúns dos aspectos do libro e descubriron algunhas claves para comprendelo mellor como que a escarlatina era unha enfermidade mortífera, que ao avó da autora gustáballe inventar cousas ou como se inspirou para crear os personaxes de Dodoto, Amanito ou Lady Horreur.



Tamén lles adiantou algo da “precuela” que acaba de saír do prelo: Esmeraldina, a pequena defunta, onde nos narra a vida anterior da protagonista Escarlatina antes de viaxar ao Inframundo.

Ledicia Costas from ENDL Poio on Vimeo.

luns, 1 de xuño de 2015

Poesía en Clave Dixital. Encontro poético




O pasado venres 15 de maio xuntámonos en Caldas de Reis máis de 200 alumnos de diferentes centros da provincia ( IES de Poio, Vilalonga, Sanxenxo e San Paio de Tui) dentro do proxecto "Poesía en clave dixital".
No encontro non faltaron a música nin os obradoiros, impartidos polas poetas Rosalía Fernández Rial e Susana Sánchez Aríns, que exerceu de madriña do acto. A guitarra de Sergio Trillo e a arpista Clara Pino completaron os actos dese día.
 
Tras o almorzo na Carballeira, realizamos un percorrido pola beira do río Umia e a zona vella de Caldas. Iniciamos as actividades da tarde coa interpretación de "Adiós ríos, adiós fontes". 
Os alumnos fixeron fotos do río para a creación de "Poemas visuais do Umia" e por último tamén se homenaxeou a Ramón Pérez de Ayala, que escribiu a súa novela "AMDG" durante a súa estancia no balneario de Caldas de Reis, coa lectura dun poema extraído desta obra. 

 O percorrido continuou pola zona vella da vila, ofrecendo versos e poemas aos viandantes e distribuíndo "publicidade poética" polos parabrisas dos coches. No remate, xa de volta á Carballeira, houbo un momento para a lectura dos poemas realizados polo alumnado no concurso de "Parodias musicais".


Aquí podes ver a noticia publicada nalgúns medios de comunicación

venres, 17 de abril de 2015

Carlos Negro "Penúltimas Tendencias"



Acompañado dunha maleta estampada con flores chegou Carlos Negro ao noso instituto. Nela traía dende un pano rosa a unha Barbie. Tampouco faltaban caderniños de notas, revistas ou debuxos. Todo isto conforma Penúltimas tendencias, un poemario que racha esquemas.
Nun encontro co alumnado de 2º de ESO e organizado conxuntamente coa Biblioteca, o autor dialogou sobre a poesía e botou unha ollada sobre os modelos de beleza e de conduta que imperan na sociedade.
O libro é unha crítica á reprodución de roles tradicionais que manteñen as mulleres presas de instrumentos de control como o imaxinario do amor romántico.
O poemario fálanos dunha rapaza que quere ser ela mesma, alguén auténtico, que pensa, que loita contra a manipulación social do fashion, cool, chic e sexy. Non lle gusta este universo que fere sen compaixón, pois ela quere ser, por riba de todo, persoa. 


Obradoiro de poesía con Carlos Negro from ENDL Poio on Vimeo.

sábado, 7 de febreiro de 2015

Marcos Calveiro



Dentro dos encontros con escritores que imos ter ao longo do ano, o primeiro convidado  foi MARCOS CALVEIRO. Esta actividade, organizada conxuntamente coa Biblioteca, pretende establecer un diálogo entre autor e lectores e afondar nas obras lidas previamente polo alumnado, neste caso:O pintor do sombreiro de malvas”, “Palabras de Auga” e “Todos somos”.
Alumnos e alumnas de 2º de ESO e 3º ESO puideron adentrarse no mundo persoal e literario deste autor e ver resoltas algunhas cuestións e dúbidas.

Algo máis dunha hora interesantísima que nos serviu para coñecer mellor o oficio de escribir.