Amosando publicacións coa etiqueta campaña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta campaña. Amosar todas as publicacións

mércores, 20 de maio de 2015

Correlingua 2015

Pontevedra pechou nesta ocasión a edición 2015 do Correlingua que se desenvolveu ao longo do mes de maio en doce bisbarras galegas.
Esta proposta de carácter lúdico-educativo busca que os mozos participen nun acto público para reivindicar o dereito a crecer en galego. A carreira finalizou cunha festa final na Praza da Ferrería conducida polo cantante Xurxo Souto, de Os Diplomáticos deMonte Alto, e coa actuación musical do grupo Bocinazo que fixo versións de distintos temas, entre eles, 'A ritmo de garaxe' de Loquillo.


xoves, 19 de febreiro de 2015

Concurso Lingua de Namorar


Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O obxectivo principal é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.
Para participar no concurso, só tes que premer no botón "Envía as túas mensaxes" e cubrir o formulario. Ademais da mensaxe ou mensaxes, cómpre indicar os datos persoais e de contacto.

Podes ver as bases do concurso clicando nesta ligazón

venres, 24 de outubro de 2014

Como cho digo ;-)

Cremos que os medios de comunicación non son conscientes das repercusións e dos efectos que teñen na sociedade que eles publiquen ou non novas en galego. E non só falamos de novas de temas xerais: internacional, deportes... tamén parece que perciben pasividade social cando publican, traducidas ao castelán, novas sobre notas de prensa redactadas en galego, declaracións de persoas feitas en galego ou novas sobre o uso do galego na sociedade.
A ocultación sistemática do galego nos medios de comunicación é unha práctica xeral e desafortunadamente existen moitos exemplos que poñen de manifesto este problema. O último exemplo é a Campaña Proba en Galego que o servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra está a poñer en marcha e onde algún medios de comunicación déronlle difusión traducindo a nova en castelán, cando loxicamente toda a documentación achegada fora facilitada en galego.
Debemos esixir unha maior visibilización do uso do galego nos medios e atallar estas prácticas aínda moi estendidas.
Súmate á campaña  "Como cho Digo, pola visibilización do galego na comunicación"

Podes vela neste enderezo.



venres, 14 de febreiro de 2014

GraffitiROSALIA

O Equipo de Normalización Lingüística e a Biblioteca do IES de Poio vai sumarse á iniciativa arredor da escritora galega Rosalía de Castro que a Asociaciónde Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará o vindeiro 24 de febreiro, aniversario do nacemento da poeta.

Esta acción colectiva en torno á figura da nosa poeta máis universal e que xorde co nome graffitiRosalía  busca "visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios".



"Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.
Querémola viva,
sabémola ceiba.
Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan,
fender con eles o mutismo das paredes.
Para que a súa voz ilumine os muros.
Alta e clara como murmurio e como berro.
Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía".

Se queres saber máis desta iniciativa podes clicar aquí

xoves, 7 de novembro de 2013

I CONCURSO "DIMO EN GALEGO"

Comezamos este mes de novembro buscando futuros deseñadores para crear a nosa 1ª campaña de Fomento do uso da Lingua Galega e queremos atopar  "o slogan". Por iso convocamos este concurso de ideas entre o noso alumnado porque queremos que nolo digan en galego.




Se queres participar, aquí están as bases do concurso:

BASES DO I CONCURSO “DIMO EN GALEGO”

OBXECTIVOS
  • Normalizar e fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade
  • Tomar conciencia da importancia de ter unha lingua propia que debe ser preservada.
  • Potenciar o uso do galego dun xeito lúdico e creativo
QUE É?
Con este certame pretendemos atopar UN SLOGAN ACOMPAÑADO DUNHA IMAXE OU DEBUXO que contribúa a enorgullecernos da nosa lingua e a nosa cultura e axudar a aumentar o uso da lingua galega, sobre todo entre a xente moza.

DESTINATARIOS
Alumnos e alumnas do IES de Poio

BASES
  • Cada participante pode presentar un máximo de 3 traballos
  • Poden empregarse calquera soporte e materiais
  • Os traballos deberán ser orixinais e inéditos
  • Non poderán aparecer datos persoais do autor no traballo que se entregue. Os datos deberán ir nun documento a parte.
  • O formato de presentación deberá ser preferentemente dixital aínda que tamén serán aceptados traballos en papel ou cartolina
  • Entre os criterios a valorar polo xurado están: a orixinalidade, a calidade creativa, o deseño, o correcto uso da lingua...
  • O traballo gañador será empregado para a confección de chapas, camisolas, marcapáxinas que serán repartidos nos centros de ensino do concello de Poio.
  • Todos os traballos presentados expoñeranse no IES de Poio e tamén na paxina web do centro

PRAZO E PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
  • O prazo de presentación dos traballos REMATA O DÍA 13 DE DECEMBRO
  • Os traballos poderán enviarse nun arquivo ao correo: titoria2c@gmail.com ou ben entregarse en sobre pechado na conserxería do centro. Ademais, nun documento adxunto ou nun sobre a parte deberá figurar o nome do autor e curso en que está matriculado
PREMIOS

Os traballos premiados daranse a coñecer o día 20 DE DECEMBRO de 2013 e recibirán como agasallos:
1º PREMIO: Videoconsola portátil PSP de Sony
2º PREMIO: un MP4

O XURADO
  • O xurado estará composto por varios membros do ENDL e un representante do Concello de Poio.
  • A decisión do xurado será pública e inapelable
  • O xurado poderá declarar o concurso deserto

A PARTICIPACIÓN NESTE CERTAME IMPLICA A ACEPTACIÓN DESTAS BASES