mércores, 25 de maio de 2016

Manuel María. Da tebra ao compromiso

Clausuramos o Mes das Letras cun recital poético-musical homenaxeando a Manuel María, facendo un percorrido pola súa produción poética dende os inicios ata as súas últimas composicións.

En colaboración co Departamento de Música, alumnos de 2º e 3º de ESO interpetaron varios temas e finalizaron co poema O Carro, musicado nos anos 70 polo grupo Fuxan os Ventos.


Escollemos 16 composicións do poeta chairego que combinaban poemas senlleiros como: Bando, Documentos Persoais, Terra Chá, O Pobo ou A Fala con outros menos coñecidos como: Cando o silencio é Tebra ou a Loita Final.

O carro from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 6 de maio de 2016

Queremos Galego Videoclip

O IES As Barxas de Moaña volve sorprender unha vez máis a través da súa creatividade. Canta e baila pola lingua galega e presenta 'Queremos Galego', nova canción e videoclip elaborado no Obradoiro de Música, dirixido polo profesor  Seso Durán.
O videoclip enmárcase nunha destas iniciativas que pretenden servir para concienciar á mocidade da importancia de defender, e sobre todo, de empregar a lingua propia de Galicia. 
Como tantos outros temas de rap, a letra ten o seu lado reivindicativo: "É de xustiza dicir o que pasa; contar as verdades directas e francas; hai quen non quere que fales galego; non queren que fales na fala que falas".
Nesta ocasión, o Obradoiro Música As Barxas compuxo, gravou e editou o videoclip coa participación de alumnas e alumnos de 4º de ESO e Bacharelato. A través do rap de MC Jeremías e Seso Durán, contando tamén coa voz de Iván Maestú ‘Chiwi’, o alumnado reflexiona sobre a importancia da lingua en ‘Queremos Galego’.
Tamén participan Lucía Parcero, Iria Collazo, Claudia Antepazo, Lía Fernández, Tamara Rodríguez, Elena Fernández, Paula Martínez, Yanira Moldes e Seso Durán nos coros e o saxo de Lía Fernández. O vídeo está dirixido por María Cancelas e Aitana Sanz.
Dende  que penduraron o resultado en Youtube, o videoclip está a ser viral con miles de reproducións. Unha agradable sorpresa para a nosa lingua e cultura. 
Continuará o seu percorrido  participando en distintos festivais de audiovisual e desexámoslle todo o éxito que se merece.

Galicia, País das Letras

Grazas á colaboración co SNL do Concello de Pontevedra, chéganos esta actividade que pretende dinamizar o uso da lingua a través do xogo e do traballo en equipo.



A través dunha proposta en escena teatral e con formato de gran feirón, propónselles aos participantes unha serie de retos que van ter que superar de maneira rotatoria e cooperativa. 
As probas desta xincana buscan achegar contidos culturais relacionados coa lingua e a cultura galega dunha maneira participativa, lúdica e potenciando aspectos orais.



Os alumnos de 1º de ESO que participaron tiveron que realizar unha serie de probas que ían dende os xéneros literarios:teatro, narrativa e poesía e a creatividade literaria; as Letras Galegas e Manuel María ata o patrimonio cultural inmaterial: a música, tradición e literatura oral.


luns, 2 de maio de 2016

Exposición Manuel María


A Fundación Manuel María cedeunos temporalmente a exposición Manuel María, A Palabra Viva coa que queremos dar a  coñecer entre o noso alumnado a figura do gran poeta chairego.
Vinte e cinco paneis que repasan a historia, a personalidade e a obra literaria de Manuel María. Os paneis constan de imaxes, capas dos seus poemarios, textos manuscritos e fotografías que dan constancia da súa forte implicación no eido cultural e político de Galicia ao longo da súa dilatada vida.

Esta actividade vén sumarse a outras que se han de pór en marcha ao longo do mes  e que van dende obradoiros, recitais,  concursos ou  murais  que xiran arredor da figura do poeta de Outeiro de Rei.
Ademais xa temos as chapas que dende o ENDL de Poio deseñamos para homenaxear a Manuel María e que levan como lema os últimos versos do poema A Fala: "Precisamos a lingua se queremos vencer". 
Esperamos que vos gusten a tod@s.

Nómades. Obradoiro de Banda Deseñada

Nun mes cargado de actividades relacionadas coas nosas letras visitou o noso instituto un ano máis o ilustrador e debuxante Xosé Tomás. 
Nesta ocasión a idea era aprender as ferramentas básicas para levar unha historia ao papel da Banda Deseñada, tomando como fío condutor a obra de Nómades.
O alumnado de 3º ESO leu a obra e a partir dunhas preguntas como punto de partida  foron analizando a obra tanto dende a perspectiva narrativa coma formal.
Aprendemos da importancia da elipse, o emprego da cor, o proceso creativo e o máis interesante foi o constante debate e a contraposición das ideas e diversas lecturas que  subxacen da obra.


Tamén houbo algo de historia: como naceu o concepto de Banda Deseñada; que hai moitas temáticas dentro dela  e que tamén se poden transmitir moitas cousas a partir dos silencios e do que non se di.