Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións

mércores, 20 de abril de 2016

Roteiro Literario polo Salnés

A bisbarra do Salnés foi berce de grandes escritores e por este motivo achegámonos a Vilanova de Arousa e a Cambados para percorrer a vida e obra de dúas importantes figuras da literatura galega e castelá: Ramón Cabanillas e Ramón Mª del Valle Inclán.
Monumento a Valle Inclán en Vilanova de Arousa
Os departamentos de Lingua e Literatura Galega e Castelá deseñaron esta actividade para o alumnado de 4º de ESO e así fixemos um roteiro polos lugares máis importantes da biografia valleinclanesca: a casa museo do autor, encadrada no fermoso Pazo do Cuadrante; a casa do Cantillo onde naceu ou a igrexa da Pastoriza.
Casa do Cuadrante

Casa do Cuadrante
Despois dirixímonos á vila de Cambados e  dende a Praza de Fefiñáns continuamos o percurso ata a casa natal de Cabanillas; unha humilde construción de estilo mariñeiro que alberga algúns documentos, discursos, fotos e primeiras edicións das obras do tamén chamado Poeta da Raza.
Casa natal de Ramón Cabanillas
Tamén a capital do albariño foi testemuña da vida de Valle Inclán e visitamos a que foi a súa casa na rúa Real para despois continuarmos camiño ata as fermosísimas ruínas de Santa Mariña,  camiño do miradoiro da Pastora, inmortalizado no poema do cambadés “As tardes na Pastora”.
Igrexa de Santa Mariña

martes, 29 de marzo de 2016

Conversando con Ledicia Costas

Hoxe tivemos un encontro coa flamante gañadora do Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 2015, Ledicia Costas e veunos a falar do libro co que conseguiu este galardón: Escarlatina, a cociñeira defunta.
A autora leva no mundo literario dende hai máis de quince anos e aínda que publicou moito para o público infantil e xuvenil tamén posúe libros de literatura para adultos e de poesía.
Ledicia Costas
Entre outros títulos é autora de “Unha estrela no vento” (Xerais 1999), “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012), “Recinto Gris” (Xerais, 2014) ou ''Un animal chamado néboa'' (Xerais, 2015) coas que leva colleitados algúns dos premios literarios máis prestixiosos como o Merlín de literatura infantil e xuvenil, o Premio Lazarillo ou o Fervenzas Literarias e Neira Vilas.

Alumnos de 1º de ESO conversaron coa autora sobre algúns dos aspectos do libro e descubriron algunhas claves para comprendelo mellor como que a escarlatina era unha enfermidade mortífera, que ao avó da autora gustáballe inventar cousas ou como se inspirou para crear os personaxes de Dodoto, Amanito ou Lady Horreur.



Tamén lles adiantou algo da “precuela” que acaba de saír do prelo: Esmeraldina, a pequena defunta, onde nos narra a vida anterior da protagonista Escarlatina antes de viaxar ao Inframundo.

Ledicia Costas from ENDL Poio on Vimeo.

xoves, 12 de novembro de 2015

Gañadores Concurso de Microrrelatos

Eis aquí os dous traballos gañadores do concurso de microrrelatos que este ano organizamos desde o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística. 
Parabéns a todos os que participastes porque para o xurado foi certamente complicado elixir. 
Dos máis de 60 microrrelatos presentados fixemos unha selección de 15 que durante varias semanas estarán expostos no vestíbulo do centro.
Aquí vos deixamos os microrrelatos gañadores e tamén algúns dos seleccionados. Parabéns e grazas a todos os participantes.

1º Premio
Ángela Cancela Ramírez 1ºC
Xa era medianoite e nada se movía, salvo ela, apuñalándome unha e outra vez cunha man, e coa outra acalando os meus berros. De súpeto espertei e alivieime ao saber que era un soño pero ao dirixir a vista ao reloxio e ver que quedaba un minuto para a medianoite comecei a notar como a porta do meu armario se abría.
2º Premio
Iván Vallejo Barreiro 2ºD

Xa era medianoite e nada se movía. O estraño virus xa arrasara a cidade. Na escuridade vislumbrábanse os cadáveres retorcidos dos que non o soportaron e os supervivintes seguramente xa perderan o control de si, pensou Langdon.
Langdon vagaba pola cidade en busca dalgún supervivinte que lle puidese explicar os efectos do virus cara ao comportamento. Cando lle pareceu ver moverse a alguén na escuridade, empezou a soar un pitido. O tempo de proba do simulador acabara e Xabier non o pasara nada mal.

Iván Vallejo e Ángela Cancela recollendo cadanseus premios
Outros traballos seleccionados
Xa era medianoite e nada se movía, estaba a punto de perder a conciencia pero me negaba polo pavor a que os meus ollos non se pecharan completamente.
Xiaodie Wang Liu 3º A

Xa era medianoite e nada se movía, só estaba esa nena coa súa caixiña no seu corazón. Nin un pozo negro basta para meter todos eses sentimentos.
Patricia Vigo Gómez 2ºD

Xa era medianoite e nada se movía, só unha única persoa paseaba pola rúa, era moi tarde. Entre as árbores, de súpeto, viu unha sombra. Era fría, misteriosa, tenebrosa e daba pánico. Achegouse e dunha forma estraña consumiuna de tal maneira que só quedaban os seus ollos cheos de bágoas, brillando na escuridade.
Karla de la Torra Cardoso 2ºB

Xa era medianoite e nada se movía, pero naquel escuro e solitario lugar aínda perduraba o son daquela arrepiante voz que os deixara aterrorizados.
Yessica González Bello 3ºA

Xa era medianoite e nada se movía cando baixei a por un vaso de leite. De súpeto escoitei un ruído que viña da cheminea. Achegueime a modo sen faer ruído. Abrín de todo os ollos e alí estaba...cachei a Papá Noel poñéndome os agasallos na árbore.
Pablo Gómez Martínez 2º B

Xa era medianoite e nada se movía, un corpo inmóbil aboiaba sen descanso e sen fin por aquel infinito mar.
Javier Blanco Soto 3º A

Quen era?
Xa era medianoite e nada se movía, cando sentín unha fría man agarrándome o ombreiro. Quixen dar volta pero o medo non me deixaba porque sabía que o que me agardaba detrás non era de todo bo.
Laura Abilleira 2º D

Ódiote
UN IMAN NO FRIGORIFICO SOSTIÑA A NOTA , AQUELA NOTA DE COR VERMELLA, ESTABA UN POUCO ARRUGADA E A LETRA PARECÍA TEMBLAR MOITO. SE POIDESES ACERCARTE UN POUCO MAÍS PODERÍAS LER:
TODO ISTO É POLA TÚA CULPA ROSA, POR DESPRECIARME TODOS ESTOS ANOS, POR NON QUERERME, ADEUS MAMÁ.
A NOTA TIÑA UN POUCO DE SANGUE NA ESQUINA INFERIOR ESQUERDA. SE NOS FIXÁSEMOS NO FRIGORÍFICO DE COR BRANCA VERÍAMOS UNHA GRAN MANCHA DE SANGUE E UN CORPO DUN NENO CUNHA ESCOPETA NA MAN TODO MANCHADO DE SANGUE E CUN ORIFICIO QUE LLE PERCORRÍA DENDE O INTERIOR DA BOCA ATA O COGOTE.
MARTIN VILLAR BOULLOSA 2ºB

A PROFUNDA CURIOSIDADE
Xa era medianoite e nada se movía, Pedriño non podía durmir, só pensar que seguramente non volvería ver ó seu gato Puscas. Xa pasaran oito días dende que desaparecera. Entón escoitou o miañar. Centos de pensamentos agolpáronse na súa testa. O son repetiuse, inconfundiblemente, a suave chamada de Puscas, aceleróuselle o pulso, sabía que a esas horas non podía sair só de casa, mais seus pais non estaban. Debateuse en silencio ata que soou outra vez o miaño e tomou unha decisión. Púxose as pantuflas, saíu cara o corredor e abríu a porta.
Nada ocorría fóra, deu un paso, entón a fría besta de oscuridade cos seus milleiros de dentes de marfil diferentes, as súas poutas de costelas e a súa brumosa forma caeu do teito. Pedriño só puido ver o esquelete de Puscas movéndose na amorfa boca do monstro antes de que a oscuridade consumise a súa alma e o seu corpo formase parte da colección de esqueletes.
Diego Piñeiro 1º Bacharelato

xoves, 15 de outubro de 2015

Concurso de Microrrelatos de misterio


Coñeces o conto máis breve da historia da literatura? Sabes que é posible crear mundos imaxinarios con tan só sete palabras? 
Acabas de chegar ao marabilloso mundo das historias do tamaño dun gran de area.... 


O Equipo de Normalización Lingüística do IES de Poio organiza un concurso de microrrelatos que xiran arredor do medo, do misterio ou do terror.
 

Que é un microrrelato?
O microrrelato é unha construción literaria narrativa cuxa principal característica é a brevidade. No microrrelato OS TÍTULOS ADOITAN SER PERTINENTES, PORQUE PODEN AXUDAR A COMPLETAR AQUILO QUE, POLA BREVIDADE, NON SE DI.
 


O único que tes que facer é crear o teu conto a partir dalgún destes principios:

1. “Antes de poñer o anel frotou o metal contra o peito...”
2. “Xa era medianoite e nada se movia....”
3. “ Un imán no frigorífico sostiña a nota...”

A data límite para a recepción dos traballos é o 29 de Outubro de 2015.
Haberá un 1º e un 2º  premio para os mellores relatos.  

luns, 2 de marzo de 2015

XXIII Premios Xaime Illa Couto

 


Ata o vindeiro 14 de abril está aberto o prazo para a recepción de traballos. O premio, impulsado e auspiciado por D. Xaime Illa Couto, acada este ano a súa XXIII edición.
O xurado -formado polos representantes das asociacións culturalis que integran o Consello Municipal de Cultura- reunirase o martes 5 de maio para fallar os premios.
As categorías, modalidades e premios serán as mesmas que nas anteriores edicións. Lembramos que fai dúas edicións se ampliara a categoría F para abrir o concurso á participación de persoas de todas as idades, coa intención de dar un novo pulo na potenciación da produción literaria na nosa lingua.


O acto de entrega de premios, como é costume, terá lugar o 17 de maio no Centro Cultural Xaime Illa Couto, no transcurso dos actos organizados pola Concellaría de Cultura e pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó.

Deixamos nesta ligazón as bases que rexen este certame.

sábado, 7 de febreiro de 2015

Marcos Calveiro



Dentro dos encontros con escritores que imos ter ao longo do ano, o primeiro convidado  foi MARCOS CALVEIRO. Esta actividade, organizada conxuntamente coa Biblioteca, pretende establecer un diálogo entre autor e lectores e afondar nas obras lidas previamente polo alumnado, neste caso:O pintor do sombreiro de malvas”, “Palabras de Auga” e “Todos somos”.
Alumnos e alumnas de 2º de ESO e 3º ESO puideron adentrarse no mundo persoal e literario deste autor e ver resoltas algunhas cuestións e dúbidas.

Algo máis dunha hora interesantísima que nos serviu para coñecer mellor o oficio de escribir. 



xoves, 5 de febreiro de 2015

Todos ao cine!


Non é habitual irmos ao cine durante as clases pero esta semana tivemos a sorte de poder ver nun pase matinal nos cines de Pontevedra o filme de Ignacio Vilar, A Esmorga, e que está a dar moito que falar. 




A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán "Morris" segue emocionando aos espectadores galegos e cumpre xa a súa oitava semana na carteleira das principais cidades galegas, un dato histórico e impensable fai tan só uns meses para unha producción independente en V.O. en galego . Máis de 40.000 espectadores xa viron a fita en Galicia, e agora inicia o salto fóra coa estrea en Madrid para o mes de marzo.




Ademais, o filme faise cunha nominación, na categoría de Mellor guión adaptado, para Ignacio Vilar e Carlos Asorey e segue facendo historia ao converterse na primeira longametraxe rodada en galego que acada unha nominación ao prestixioso galardón. 



luns, 24 de novembro de 2014

A ESMORGA




O pasado venres 21 estreouse nos cines de toda Galicia a tan esperada adaptación dunha das obras máis senlleiras da Literatura Galega, A Esmorga. 
A película de Ignacio Vilar, baseada no libro de Eduardo Blanco Amor, narra a “crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución e sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran cara á súa perdición”.

mércores, 26 de marzo de 2014

Roteiro Castelao


Hoxe os alumnos de 4º de ESO desprazámonos a Pontevedra para coñecer algo máis da vida e da obra do artista rianxeiro, moi ligado á cidade do Lérez. Ademais serviunos para descubrir outra Pontevedra, un lugar tan próximo pero á vez non tan coñecido como pensabamos.
O itinerario, que parte da praza da Ferrería, abrangue non só parte da zona vella pontevedresa senón tamén algunhas das rúas que configuraban a vila de principios do século XX.













Detivémonos na Sala Castelao do Museo de Pontevedra, onde se conserva a meirande parte do seu legado artístico e contemplamos moitos dos seus debuxos e creacións que xa pasaron a formar parte da historia viva de Galicia.









Para máis información: Roteiro Castelao

venres, 14 de febreiro de 2014

GraffitiROSALIA

O Equipo de Normalización Lingüística e a Biblioteca do IES de Poio vai sumarse á iniciativa arredor da escritora galega Rosalía de Castro que a Asociaciónde Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará o vindeiro 24 de febreiro, aniversario do nacemento da poeta.

Esta acción colectiva en torno á figura da nosa poeta máis universal e que xorde co nome graffitiRosalía  busca "visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios".



"Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.
Querémola viva,
sabémola ceiba.
Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan,
fender con eles o mutismo das paredes.
Para que a súa voz ilumine os muros.
Alta e clara como murmurio e como berro.
Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía".

Se queres saber máis desta iniciativa podes clicar aquí

xoves, 5 de decembro de 2013

Recitamos a Rosalía

Está rematando este ano 2013 e aínda que seguiremos lendo e desfrutando á nosa poeta máis universal, alumnas de 1º ESO B decidiron facer a súa particular homenaxe interpretando "Adiós ríos, adiós fontes". Parabéns a: Mame Diarra Faye Ba, Maena Fernández, Andrea Ferreiro, Sabela Fontecoba, Uxía Tilve e Iria Filgueira.


Recitamos a Rosalía from ENDL Poio on Vimeo.