venres, 6 de maio de 2016

Queremos Galego Videoclip

O IES As Barxas de Moaña volve sorprender unha vez máis a través da súa creatividade. Canta e baila pola lingua galega e presenta 'Queremos Galego', nova canción e videoclip elaborado no Obradoiro de Música, dirixido polo profesor  Seso Durán.
O videoclip enmárcase nunha destas iniciativas que pretenden servir para concienciar á mocidade da importancia de defender, e sobre todo, de empregar a lingua propia de Galicia. 
Como tantos outros temas de rap, a letra ten o seu lado reivindicativo: "É de xustiza dicir o que pasa; contar as verdades directas e francas; hai quen non quere que fales galego; non queren que fales na fala que falas".
Nesta ocasión, o Obradoiro Música As Barxas compuxo, gravou e editou o videoclip coa participación de alumnas e alumnos de 4º de ESO e Bacharelato. A través do rap de MC Jeremías e Seso Durán, contando tamén coa voz de Iván Maestú ‘Chiwi’, o alumnado reflexiona sobre a importancia da lingua en ‘Queremos Galego’.
Tamén participan Lucía Parcero, Iria Collazo, Claudia Antepazo, Lía Fernández, Tamara Rodríguez, Elena Fernández, Paula Martínez, Yanira Moldes e Seso Durán nos coros e o saxo de Lía Fernández. O vídeo está dirixido por María Cancelas e Aitana Sanz.
Dende  que penduraron o resultado en Youtube, o videoclip está a ser viral con miles de reproducións. Unha agradable sorpresa para a nosa lingua e cultura. 
Continuará o seu percorrido  participando en distintos festivais de audiovisual e desexámoslle todo o éxito que se merece.

Ningún comentario:

Publicar un comentario