Amosando publicacións coa etiqueta cine. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cine. Amosar todas as publicacións

martes, 5 de abril de 2016

Encallados

Se o ano pasado foi A Esmorga, nesta ocasión tivemos a sorte de recibir no centro a Alfonso Zarauza, director entre outros dos filmes: “A noite que deixou de chover”, “Os Fenomenos” ou de “Encallados”. Precisamente foi este último o que visionaron os alumnos de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato que tiveron a oportunidade de intercambiar impresións co director e tamén preguntarlle todo tipo de dúbidas e curiosidades sobre o cinema galego, o proceso de creación ou mesmo sobre gustos cinematográficos.
Alfonso Zarauza

Alumnado durante o encontro
Encallados é unha longametraxe de 65 min, rodada en 16mm en branco e negro e que recrea as vivencias dun grupo de amigos em Compostela que tentan levar a cabo unha película co naufraxio do Prestige como fondo argumental. Unha comedia sobre o cine dende dentro, chea de autocrítica, humor e melancolia. O director fálanos do difícil que é levar adiante un proxecto e tamén que remate por chegar aos espectadores. 

Dende que rematou o filme, Encallados percorreu os teatros e auditorios de toda Galicia así como de centros culturais e asociacións para darlle visibilidade. Tamén conseguiu nos premios Mestre Mateo tres galardóns: mellor fotografia, mellor montaxe e mellor Película para Tv.


Encallados from Fernando Alfonsin on Vimeo.

martes, 27 de outubro de 2015

A praia das afogados


O ano pasado  falabamos da agardada estrea de "A Esmorga" que durante meses estivo nos cines galegos con grande éxito de público. Un filme 100% en galego e que esta semana pasada vén de recoller  tres galardóns no festival de cinema de Toulouse: ao mellor director, ao mellor actor ex aquo para “Morrís”, Karra Elejalde e Miguel de Lira e o premio á mellor fotografía.
 
Hai dúas semanas outro filme gravado na nosa terra e na súa meirande parte en galego acaba de estrearse nas salas de toda España, falamos da Praia dos Afogados; adaptación da exitosa novela homónima de Domingo Villar.

Sinopse: Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a costa. Se non tivese as mans atadas ás costas, Xusto Castelo sería outro dos fillos do mar que atopou a morte entre as augas mentres faenaba. Sen testemuñas nin pistas da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro da vila, tratando de poñer en claro o crime.

Co difícil e caro que é facer cine nestes tempos é encomiable a aposta decidida por historias que forman parte xa do noso universo literario e que ademais sexa en galego a súa banda sonora.
O  filme, un drama de suspense, está dirixido por Gerardo Herrero e no que o escritor Domingo Villar tamén asina o guión. Se pinchas aquí podes ler a entrevista que con motivo da rodaxe da fita lle fixeron dende Sermos ao director.
Deixámosvos o trailer e convidámosvos a encher as salas.


A Praia Dos Afogados - TRAILER galego from Tornasol Films on Vimeo.

xoves, 5 de febreiro de 2015

Todos ao cine!


Non é habitual irmos ao cine durante as clases pero esta semana tivemos a sorte de poder ver nun pase matinal nos cines de Pontevedra o filme de Ignacio Vilar, A Esmorga, e que está a dar moito que falar. 




A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán "Morris" segue emocionando aos espectadores galegos e cumpre xa a súa oitava semana na carteleira das principais cidades galegas, un dato histórico e impensable fai tan só uns meses para unha producción independente en V.O. en galego . Máis de 40.000 espectadores xa viron a fita en Galicia, e agora inicia o salto fóra coa estrea en Madrid para o mes de marzo.




Ademais, o filme faise cunha nominación, na categoría de Mellor guión adaptado, para Ignacio Vilar e Carlos Asorey e segue facendo historia ao converterse na primeira longametraxe rodada en galego que acada unha nominación ao prestixioso galardón. 



luns, 24 de novembro de 2014

A ESMORGA




O pasado venres 21 estreouse nos cines de toda Galicia a tan esperada adaptación dunha das obras máis senlleiras da Literatura Galega, A Esmorga. 
A película de Ignacio Vilar, baseada no libro de Eduardo Blanco Amor, narra a “crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución e sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran cara á súa perdición”.