Amosando publicacións coa etiqueta lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lingua. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de maio de 2016

Galicia, País das Letras

Grazas á colaboración co SNL do Concello de Pontevedra, chéganos esta actividade que pretende dinamizar o uso da lingua a través do xogo e do traballo en equipo.



A través dunha proposta en escena teatral e con formato de gran feirón, propónselles aos participantes unha serie de retos que van ter que superar de maneira rotatoria e cooperativa. 
As probas desta xincana buscan achegar contidos culturais relacionados coa lingua e a cultura galega dunha maneira participativa, lúdica e potenciando aspectos orais.



Os alumnos de 1º de ESO que participaron tiveron que realizar unha serie de probas que ían dende os xéneros literarios:teatro, narrativa e poesía e a creatividade literaria; as Letras Galegas e Manuel María ata o patrimonio cultural inmaterial: a música, tradición e literatura oral.


venres, 8 de xaneiro de 2016

Arrinca o Club de Debate 2016

Coa xornada de formación arrinca o Club de Debate, cuxa fase local se desenvolverá o vindeiro 20 de Febreiro no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Dez alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato do noso instituto participan xunto a outros 60  estudantes de sete centros de ensino na primeira fase desta edición, que terá en Carballo no mes de abril o seu punto final.
 

Na xornada de formación traballáronse diferentes aspectos en habilidades comunicativas (linguaxe verbal e non verbal, voz e entoación), deixar atrás medos e complexos e facer uso de todas as súas calidades e recursos para desenvolver calquera tema nun tempo limitado.


Esta actividade está promovida polos Servizos de Normalización Lingüística de diferentes concellos galegos (Pontevedra, Carballo, Rois, Santiago, Teo, O Carballiño, Ames e Negreira) quere ser un punto de encontro para a xente nova, unha oportunidade para coñecer a súa opinión sobre determinados asuntos e desmitificar a imaxe dunha mocidade pasiva e pouco implicada nos problemas da sociedade.
Defender ideas con palabras é unha forma de pór en valor as habilidades sociais tan necesarias hoxe en día e potenciar a nosa lingua como ferramenta indispensable para defender as nosas ideas.


martes, 17 de novembro de 2015

LGx15

Este Mércores, 25 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela terá lugar o LGx15,  un proxecto de difusión de ideas para o futuro da lingua que comeza cun evento de charlas e exposición de argumentos e experiencias que poden influír nas actitudes e conciencia lingüística e no futuro do galego.
Intervirán diversas persoas para transmitir dun xeito breve  e claro, a través de charlas dun máximo de 15 minutos, ideas e reflexi´ns que poden e queren influír no uso e prestixio do galego o unas actitudes e comportamentos lingüísticos.
Entre outros participarán no LGx15: Luís Iglesia, actor e dobrador; Xurxo Mariño, neurocientífico que lle dá voltas á relación entre cerebro, mente e lingua; Manuel Nuñez Singala, sociolingüista e escritor ou Xosé Lois Vilar, vendedor de froita nas feiras e apaixonado da lingua e do patrimonio. 

Tamén haberá música e humor, o que o fará do LGx15 un acto festivo e divertido. María Lado e Lucía Aldao conducirán o evento no que actuarán a amante das palabras e melodías, Alba María, e Xenderal co reggae e beatbox.

As entradas están xa á venda en http://lgx15.gal/#entradas 
Máis información sobre este evento, que organiza a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, en http://lgx15.gal/





sábado, 15 de novembro de 2014

Aplicación do Dicionario da Real Academia Galega para o móbil

Queremos dar a coñecer a aplicación do dicionario de Lingua Galega que a  Real Academia Galega vén de publicar na Play Store. Unha ferramenta, totalmente gratuíta e libre de publicidade, que leva aos nosos smartphones e tablets arredor de 50.000 termos coas súas definicións, sinónimos, antónimos, exemplos e pronuncia da maioría das entradas. É unha ferramenta pensada para o día a día das persoas que falan e escriben en galego e pode ser de grande axuda no mundo educativo.
A “app” funciona sen necesidade de estar conectada. (Apenas a pronuncia dos termos, conxugador verbal e a Palabra do Día requiren ligar cunha rede wifi ou 3G).





O deseño é tremendamente intuitivo e sinxelo e conta coa posibilidade de gardar termos nos nosos favoritos para telos máis accesibles ou compartir as definicións nas redes sociais. 
Deixámosvos unha pequena guía, elaborada pola profesora Paz Fernández Pereiro, de como descargar esta aplicación nos nosos móbiles.

Clica aquí para ver as instrucións

luns, 27 de outubro de 2014

GHALEGHO

Deixámosvos aquí un vídeo que está  sendo toda unha sensación na rede e que reivindica un xeito de falar en galego e que durante anos foi menosprezado.
Apenas 2 minutos que están dando moito que falar. Parabéns  aos seus creadores!



martes, 25 de febreiro de 2014

21 de Febreiro. Día Internacional da Lingua Materna

O 21 de Febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna para concienciar da importancia da preservación das diferentes identidades culturais e lingüísticas que conforman o noso planeta.
A lingua materna é a primeira adquirida polo ser humano coa persoa que teña contacto na etapa inicial da vida e neste día quérese fomentar o ensino e a educación en lingua materna.

Desde que o ser humano empezou a falar, unhas 30.000 linguas desapareceron. Crese que se non se fai nada, a metade dos 6000 idiomas falados actualmente desaparecerán a finais deste século. Só cada ano desaparecen 10 idiomas.




Son moitos os idiomas da nosa contorna que cada día o teñen máis difícil para subsistir e os datos recollidos sobre o galego non  son esperanzadores xa que a transmisión lingüística vía materna-paterna decreceu considerablemente nos últimos anos.

Alumnas de 2º de ESO deron lectura ao manifesto en defensa da lingua materna e tamén en Radio patio deuse lectura da mensaxe da directora xeral da Unesco, Irina Bokova, con motivo deste día.

Se queres ler o manifesto pincha aquí.

Radio Patio no Día Internacional da Lingua Materna




Obradoiro de portugués

O martes 18 de febreiro o alumnado de 3º de ESO participou nun obradoiro de portugués, impartido por Ciranda, denominado O português Simples. Actividade que serve como ferramenta de achegamento á nosa lingua irmá. 
Con esta proposta o alumnado aprende que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar galego ofrece unha clara vantaxe competitiva.