venres, 6 de febreiro de 2015

Roteiro Castelao



Meu estimado compatriota,
Non teño ningún documento, nin tan siquera unha partida de nascimento para acreditar a miña calidade de pontevedrés; pero se non fun consultado antes de nascer, sábese ben que des-pois de ter nascido escollín a Pontevedra para vivir e morrer, e se tal programa non chega a complirse non será certamente por culpa miña. Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra.

(...)

Así comezaba a carta que  Alfonso Daniel Castelao lle envía ao Presidente do Centro Pontevedrés de Bos Aires o 31 de marzo de 1947 e demóstranos o fondo sentimento de pertenza do escritor de Rianxo á cidade do Lérez.
Alumnos de 4º ESO percorreron as rúas da parte histórica da cidade, as prazas, o museo, o teatro Principal, Santa María imaxinando aqueles anos do escritor e a súa intensa actividade artística e política.




Máis información nesta ligazón





xoves, 5 de febreiro de 2015

Todos ao cine!


Non é habitual irmos ao cine durante as clases pero esta semana tivemos a sorte de poder ver nun pase matinal nos cines de Pontevedra o filme de Ignacio Vilar, A Esmorga, e que está a dar moito que falar. 




A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán "Morris" segue emocionando aos espectadores galegos e cumpre xa a súa oitava semana na carteleira das principais cidades galegas, un dato histórico e impensable fai tan só uns meses para unha producción independente en V.O. en galego . Máis de 40.000 espectadores xa viron a fita en Galicia, e agora inicia o salto fóra coa estrea en Madrid para o mes de marzo.




Ademais, o filme faise cunha nominación, na categoría de Mellor guión adaptado, para Ignacio Vilar e Carlos Asorey e segue facendo historia ao converterse na primeira longametraxe rodada en galego que acada unha nominación ao prestixioso galardón. 



Entrega do Premio "Fotografía o teu lugar"

Por unhas cousas e outras fómonos retrasando pero ao final sempre cumprimos. Esta mañá a directora, Anxos Rial, fixo entrega do premio á gañadora do concurso "Fotografía o teu lugar", Paula Crespo de 1º de Bacharelato. 
A alumna recibiu o agasallo e que consistía, como non podía ser doutra maneira, nunha cámara dixital. Parabéns á gañadora e que siga a practicar a fotografía que, polos resultados, non se lle dá nada mal.



martes, 3 de febreiro de 2015

Día Internacional da Non Violencia e a Paz

Deixámosvos neste post o programa especial que alumnas de 1º e 2º de ESO fixeron dende Radio Patio  o pasado 31 de Xaneiro para conmemorar o Día Internacional da Non Violencia e a Paz. O son non é todo o bo que quixeramos pero aínda así queriamos compartir este momento con todos.



mércores, 10 de decembro de 2014

Fotografíando o lugar

Aquí deixamos unha selección das mellores 10 instantáneas presentadas ao concurso "Fotografía o teu lugar" que organizamos por vez primeira desde o Equipo de Normalización Lingüística en colaboración coa concellería de cultura do Concello de Poio. Parabéns a todos os que enviastes as vosas fotografías e colaborastes con esta iniciativa.

Noraboa ás alumnas/os: Paula Crespo, Sheila González, Lidia Pereira, Belén Pérez,  Mª Serantes Quiñones, David Villaverde e Jaime Pérez.









xoves, 4 de decembro de 2014

Caxade. Imperdible!


Esta fin de semana terá lugar na cidade do Lérez o Culturgal, e dentro da súa programación un dos seus pratos fortes será Caxade;  o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Algo que non vos podedes perder. Indie-folk cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. 
Caxade, que naceu no ano 2012 como un proxecto audiovisual transgresor é hoxe unha realidade consolidada dentro do panorama musical galego.

Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico.


luns, 24 de novembro de 2014

A ESMORGA




O pasado venres 21 estreouse nos cines de toda Galicia a tan esperada adaptación dunha das obras máis senlleiras da Literatura Galega, A Esmorga. 
A película de Ignacio Vilar, baseada no libro de Eduardo Blanco Amor, narra a “crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución e sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran cara á súa perdición”.