martes, 27 de outubro de 2015

A praia das afogados


O ano pasado  falabamos da agardada estrea de "A Esmorga" que durante meses estivo nos cines galegos con grande éxito de público. Un filme 100% en galego e que esta semana pasada vén de recoller  tres galardóns no festival de cinema de Toulouse: ao mellor director, ao mellor actor ex aquo para “Morrís”, Karra Elejalde e Miguel de Lira e o premio á mellor fotografía.
 
Hai dúas semanas outro filme gravado na nosa terra e na súa meirande parte en galego acaba de estrearse nas salas de toda España, falamos da Praia dos Afogados; adaptación da exitosa novela homónima de Domingo Villar.

Sinopse: Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a costa. Se non tivese as mans atadas ás costas, Xusto Castelo sería outro dos fillos do mar que atopou a morte entre as augas mentres faenaba. Sen testemuñas nin pistas da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro da vila, tratando de poñer en claro o crime.

Co difícil e caro que é facer cine nestes tempos é encomiable a aposta decidida por historias que forman parte xa do noso universo literario e que ademais sexa en galego a súa banda sonora.
O  filme, un drama de suspense, está dirixido por Gerardo Herrero e no que o escritor Domingo Villar tamén asina o guión. Se pinchas aquí podes ler a entrevista que con motivo da rodaxe da fita lle fixeron dende Sermos ao director.
Deixámosvos o trailer e convidámosvos a encher as salas.


A Praia Dos Afogados - TRAILER galego from Tornasol Films on Vimeo.

xoves, 15 de outubro de 2015

Concurso de Microrrelatos de misterio


Coñeces o conto máis breve da historia da literatura? Sabes que é posible crear mundos imaxinarios con tan só sete palabras? 
Acabas de chegar ao marabilloso mundo das historias do tamaño dun gran de area.... 


O Equipo de Normalización Lingüística do IES de Poio organiza un concurso de microrrelatos que xiran arredor do medo, do misterio ou do terror.
 

Que é un microrrelato?
O microrrelato é unha construción literaria narrativa cuxa principal característica é a brevidade. No microrrelato OS TÍTULOS ADOITAN SER PERTINENTES, PORQUE PODEN AXUDAR A COMPLETAR AQUILO QUE, POLA BREVIDADE, NON SE DI.
 


O único que tes que facer é crear o teu conto a partir dalgún destes principios:

1. “Antes de poñer o anel frotou o metal contra o peito...”
2. “Xa era medianoite e nada se movia....”
3. “ Un imán no frigorífico sostiña a nota...”

A data límite para a recepción dos traballos é o 29 de Outubro de 2015.
Haberá un 1º e un 2º  premio para os mellores relatos.  

Volve o outono

Aínda que non o pareza xa estamos no outono. Non chegaron as chuvias, nin tampouco o frío pero si comezamos a ver as castañas pola rúa. E no pequeno souto que temos tras o instituto xa se empezan a estender polo chan os ourizos.
Por iso xa estamos a preparar o magosto, que este ano virá con algunha que outra sorpresa nova. Un día de festa que este ano queremos que sexa a antesala do Samaín.

luns, 22 de xuño de 2015

COME A LINGUA. Receitario de Sobremesas


Son moitas as horas que ao longo da nosa vida adicamos a comer e moitas máis a preparar eses alimentos que levamos á boca.

Come a lingua é un proxecto, coordinado polas profesoras Marta Taboada e Montse López, onde intercambiar saberes e información coa cociña como nexo común e tamén onde moitos pais e nais axudaron e se implicaron na realización dalgunhas destas receitas.

Este receitario de sobremesas é unha mostra do traballo realizado e degustado ao longo destes meses e que queriamos compartir coa esperanza de que sirva para realizardes algunha destas propostas.



Se queres podes descargalo AQUÍ

Bo apetito

venres, 12 de xuño de 2015

Unha Parada no teatro


Este venres tivo lugar a estrea da obra A Parada, de Javier Portillo, representada polo alumnado de 3º ESO B  e dirixida pola profesora Carmen Redondo.
A Parada é unha comedia urbana chea de personaxes disparatados que nos van contando a súa vida mentres agardan nunha parada de autobús.
Queriamos agradecer á compañía de teatro "Lúa Chea " de Poio e a algúns dos seus membros a súa inestimable axuda ao achegarnos algún material de vestiario e decorados 














venres, 5 de xuño de 2015

Colleitando Premios

Dende o ENDL do IES de Poio queremos darlle a noraboa a todos aqueles alumnos e alumnas que participaron en diferentes concursos de creación literaria e artística organizados por organismos, institucións e colectivos de fóra do noso centro. E en particular quixeramos nomear a aqueles que acadaron algún galardón,  como son:

Certame Literario Illa Couto (Concello de Poio)

- 1º Premio en Relato e Poesía (Categoría E): Carmen Ansín Vallejo (1º Bacharelato)
- 1º Premio en Relato (Categoría D): Daniel Otero Veloso (1º ESO)
 




III Certame de Banda Deseñada do IES Arcebispo Xelmírez I

- 2º Premio: Alba Jiménez e Mario Acuña




luns, 1 de xuño de 2015

Poesía en Clave Dixital. Encontro poético




O pasado venres 15 de maio xuntámonos en Caldas de Reis máis de 200 alumnos de diferentes centros da provincia ( IES de Poio, Vilalonga, Sanxenxo e San Paio de Tui) dentro do proxecto "Poesía en clave dixital".
No encontro non faltaron a música nin os obradoiros, impartidos polas poetas Rosalía Fernández Rial e Susana Sánchez Aríns, que exerceu de madriña do acto. A guitarra de Sergio Trillo e a arpista Clara Pino completaron os actos dese día.
 
Tras o almorzo na Carballeira, realizamos un percorrido pola beira do río Umia e a zona vella de Caldas. Iniciamos as actividades da tarde coa interpretación de "Adiós ríos, adiós fontes". 
Os alumnos fixeron fotos do río para a creación de "Poemas visuais do Umia" e por último tamén se homenaxeou a Ramón Pérez de Ayala, que escribiu a súa novela "AMDG" durante a súa estancia no balneario de Caldas de Reis, coa lectura dun poema extraído desta obra. 

 O percorrido continuou pola zona vella da vila, ofrecendo versos e poemas aos viandantes e distribuíndo "publicidade poética" polos parabrisas dos coches. No remate, xa de volta á Carballeira, houbo un momento para a lectura dos poemas realizados polo alumnado no concurso de "Parodias musicais".


Aquí podes ver a noticia publicada nalgúns medios de comunicación