venres, 20 de marzo de 2015

Xuízo na Audiencia Provincial

O alumnado de 2º de Bacharelato, e que cursa a materia de Ética e Filosofía do Dereito, asistiu o pasado martes 17 de marzo a un xuízo na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. 
Esta actividade que realizamos en colaboración co departamento de Filosofía e o Gabinete de Normalización Lingüística da Audiencia, serve para achegar e dar a coñecer o funcionamento da xustiza e o uso que da lingua galega se fai neste ámbito, onde resta moito camiño por andar.

 

A vista era un xuízo por lesións pero acabou suspendido porque a defensa solicitou un novo informe. 
O presidente da Sección, Xosé Xoán Barreiro, conversou cos alumnos e explicoulles o papel que realizaban cada un dos actuantes no xuízo: o fiscal, a defensa ou a acusación particular





luns, 9 de marzo de 2015

Radio Patio no Día da Muller Traballadora

Este luns desde Radio Patio quixemos homenaxear a todas as mulleres que cada día loitan por conseguir un mundo máis xusto e en igualdade, para seren recoñecidas e non seren acosadas nin menosprezadas.
Queremos tamén con este programa lembrar a todas aquelas mulleres que co seu traballo e tesón cambiaron o rumbo da historia e fixeron un mundo mellor.
Deixámosvos neste podcast o programa emitido o luns 9 de marzo.



sábado, 7 de marzo de 2015

Títeres para os máis pequenos



O grupo de teatro de títeres do IES de Poio, formado por alumnos e alumnas de 4º de ESO, representaron dúas obras xa clásicas do seu repertorio para un público moi especial. Setenta e cinco alumnos/as do ciclo de Infantil do CEIP Isidora Riestra pasárono en grande vendo as alegrías e as desgrazas dos personaxes e por suposto axudaron a que todos tiveran un final feliz.
A continuación deixámosvos un anaco da función.


Benvidos ao teatro de títeres from ENDL Poio on Vimeo.

O demo das tres colas from ENDL Poio on Vimeo.

luns, 2 de marzo de 2015

XXIII Premios Xaime Illa Couto

 


Ata o vindeiro 14 de abril está aberto o prazo para a recepción de traballos. O premio, impulsado e auspiciado por D. Xaime Illa Couto, acada este ano a súa XXIII edición.
O xurado -formado polos representantes das asociacións culturalis que integran o Consello Municipal de Cultura- reunirase o martes 5 de maio para fallar os premios.
As categorías, modalidades e premios serán as mesmas que nas anteriores edicións. Lembramos que fai dúas edicións se ampliara a categoría F para abrir o concurso á participación de persoas de todas as idades, coa intención de dar un novo pulo na potenciación da produción literaria na nosa lingua.


O acto de entrega de premios, como é costume, terá lugar o 17 de maio no Centro Cultural Xaime Illa Couto, no transcurso dos actos organizados pola Concellaría de Cultura e pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó.

Deixamos nesta ligazón as bases que rexen este certame.

xoves, 19 de febreiro de 2015

Entroido 2015

Aínda que chovese non puidemos faltar ao Entroido. Botamos man dos disfraces, das pinturas, da purpurina....... Abrimos os caixóns agochados nos faiados e, sobre todo, démoslle voltas á cabeza procurando o mellor disfrace. Aquí van algunhas mostras!!!!!












Concurso Lingua de Namorar


Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O obxectivo principal é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.
Para participar no concurso, só tes que premer no botón "Envía as túas mensaxes" e cubrir o formulario. Ademais da mensaxe ou mensaxes, cómpre indicar os datos persoais e de contacto.

Podes ver as bases do concurso clicando nesta ligazón

luns, 9 de febreiro de 2015

Bravú XX



Durante 15 días  a exposición "Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!”, cedida polo Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra, estará no  noso instituto para achegar ao alumnado este movemento musical e cultural que revitalizou a cultura galega nos anos 90 e do que saíron gran cantidade de bandas, músicos e artistas hoxe memoria viva da música galega.

"A noite Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o bravú. Unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock cantado en galego, magma vizoso que entón estaba a agromar por todo o país. Vinte anos despois cómpre lembrar o comezo desta aventura. Unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo que as persoas máis novas teñen dereito a coñecer.
O bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro de vida por outros camiños. Nesta exposición queremos recoller ese proxecto de axitación xeral, alicercedunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos.
Como pregoábamos entón, vinte anos despois: tanta paixón quen poderá detela!"


Se queredes saber máis clicade nesta ligazón