mércores, 28 de maio de 2014

Saída Roteiro

Hoxe os alumnos de 4º de ESO  desafiamos ao tempo, puxémonos as botas e comezamos a camiñar polos sendeiros próximos como antes fixeron xa os nosos antergos, redescubrindo o noso pasado.
Os alumnos do Ciclo de Actividades físico-deportivas e os profesores de Educación Física acompañáronos neste percorrido onde descubrimos ermidas, muíños, fervenzas e lendas.



luns, 19 de maio de 2014

"Entre Nimbos" Homenaxe a Xosé María Díaz Castro


A noite é necesaria. Xose Mª Díaz Castro from ENDL Poio on Vimeo.

En colaboración co Departamento de música,  quixemos facer a nosa particular homenaxe ao poeta Xose Mª Díaz Castro co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.





"Entre Nimbos" foi un espectáculo poético-musical onde alumnos e alumnas de todos os niveis da ESO e profesores interpretaron poemas do libro Nimbos e tamén doutros poetas galegos que foron obxecto deste día en edicións pasadas. 




As floriñas dos toxos . from ENDL Poio on Vimeo.


Ahí vén o maio from ENDL Poio on Vimeo.

Constrúe o teu truco

O ilusionismo é unha arte escénica e un espectáculo de habilidade e enxeño que consiste en producir efectos en apariencia marabillosos. Estes efectos fan parecer realidade o imposible. 


O mago Eloi quixo ensinarnos esas e outras cousas en dúas sesións de maxia de preto que realizamos o pasado día 14 de maio.


Ademais os propios alumnos construíron cunhas cartolinas e usando vellas cartas algún truco sinxelo. Uns con máis fortuna ca outros, xa que todo require certa destreza, levárono a cabo. O que si é seguro que o pasaron xenial.


Aquí vos deixo un pequeno video onde poderedes ver algún dos xogos que fixemos.



Obradoiro de maxia en galego "Constrúe o teu truco" from ENDL Poio on Vimeo.

luns, 28 de abril de 2014

Roteiro "Descubrindo o Noso".

Durante séculos os nosos antepasados crearon historias, cantigas ou lendas coa finalidade de entender o mundo, a vida e a morte. O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES de Poio quere dar a coñecer para os alumnos e as xentes do noso concello todas esas lenda e historias próximas. 
Neste percorrido toparémonos con mouros, bruxas, trasnos e outros elementos relixiosos; así como muíños, castros, ermidas ou cruceiros que serven para manifestar as inquietudes e os xeitos de vida da nosa comunidade. Redescrubrir o NOSO é o mellor xeito de preservar e poñer en valor a propia cultura , a próxima, e conservala ao longo do tempo. Estamos aínda na fase de deseño do que será un primeiro roteiro cultural e natural por unha parte da parroquia de San Xoán de Poio e que realizaremos no vindeiro mes de xuño. 
Unha boa maneira de coñecer paso a paso a nosa historia e lugares agochados, fóra das rutas marcadas.

Pincha esta ligazón para ver o roteiro.




martes, 22 de abril de 2014

Galego, o paso adiante

Alumnos de 2º ESO A e 3º D participan con este traballo dentro do concurso de vídeo na nova edición de Correlingua 2014, que leva por lema: Galego, o paso adiante.




Galego, o paso adiante 2014. IES Poio from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 28 de marzo de 2014

As do Peixe

Casualidade ou non,  celebramos o Día Internacional do Teatro indo ver ao Pazo da Cultura de Pontevedra unha das obras gañadoras dos últimos Premios María Casares: As do Peixe.
Trátase dun texto de Cándido Pazó e dirixido por Cristina Domínguez baseado nos testemuños de ducias de mulleres que traballaron nalgunhas das conserveiras máis importantes do noso país e que hoxe están desaparecidas e con elas parte do noso patrimonio e pasado industrial.
A montaxe mestura o presente coa memoria destas mulleres, fiando a situación actual de descomposición do sistema con outra descomposición, con outra caída de certezas propias desta industria que para unha xeración de mulleres significou a entrada ao mundo laboral. As do peixe fura, dende o presente, nese pasado moi próximo e busca reflectir as circunstancias, non só das mulleres das conversas, senón tamén e dalgún xeito, das mulleres traballadoras. 


A obra divídese en “catro cadros” nos que as mulleres van lembrando a súa vida nesta industria, aínda que no texto tamén se coa os tempos ruíns dos nosos días. Na obra, constantemente volvemos ao pasado, pero a situación actual está presente". 
O que contan as personaxes dos seus tempos lembra moito "ao que está sucedendo agora co traballo, coa descomposición do tecido empresarial, laboral, social”.
Catro traballadoras, catro intérpretes. Elas son Monica Camaño, Susana Dans, Rocío González e, loxicamente, Casilda Alfaro, que levou a cabo, xunto a Domínguez, o traballo de campo e as entrevistas. Elas catro poñen cara e voz a toda un segmento de traballadoras da historia de Galicia. 


Alumnos de 2º ESO coa mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Na entrada do Pazo da Cultura



mércores, 26 de marzo de 2014

Roteiro Castelao


Hoxe os alumnos de 4º de ESO desprazámonos a Pontevedra para coñecer algo máis da vida e da obra do artista rianxeiro, moi ligado á cidade do Lérez. Ademais serviunos para descubrir outra Pontevedra, un lugar tan próximo pero á vez non tan coñecido como pensabamos.
O itinerario, que parte da praza da Ferrería, abrangue non só parte da zona vella pontevedresa senón tamén algunhas das rúas que configuraban a vila de principios do século XX.













Detivémonos na Sala Castelao do Museo de Pontevedra, onde se conserva a meirande parte do seu legado artístico e contemplamos moitos dos seus debuxos e creacións que xa pasaron a formar parte da historia viva de Galicia.









Para máis información: Roteiro Castelao