luns, 2 de maio de 2016

Exposición Manuel María


A Fundación Manuel María cedeunos temporalmente a exposición Manuel María, A Palabra Viva coa que queremos dar a  coñecer entre o noso alumnado a figura do gran poeta chairego.
Vinte e cinco paneis que repasan a historia, a personalidade e a obra literaria de Manuel María. Os paneis constan de imaxes, capas dos seus poemarios, textos manuscritos e fotografías que dan constancia da súa forte implicación no eido cultural e político de Galicia ao longo da súa dilatada vida.

Esta actividade vén sumarse a outras que se han de pór en marcha ao longo do mes  e que van dende obradoiros, recitais,  concursos ou  murais  que xiran arredor da figura do poeta de Outeiro de Rei.
Ademais xa temos as chapas que dende o ENDL de Poio deseñamos para homenaxear a Manuel María e que levan como lema os últimos versos do poema A Fala: "Precisamos a lingua se queremos vencer". 
Esperamos que vos gusten a tod@s.

Nómades. Obradoiro de Banda Deseñada

Nun mes cargado de actividades relacionadas coas nosas letras visitou o noso instituto un ano máis o ilustrador e debuxante Xosé Tomás. 
Nesta ocasión a idea era aprender as ferramentas básicas para levar unha historia ao papel da Banda Deseñada, tomando como fío condutor a obra de Nómades.
O alumnado de 3º ESO leu a obra e a partir dunhas preguntas como punto de partida  foron analizando a obra tanto dende a perspectiva narrativa coma formal.
Aprendemos da importancia da elipse, o emprego da cor, o proceso creativo e o máis interesante foi o constante debate e a contraposición das ideas e diversas lecturas que  subxacen da obra.


Tamén houbo algo de historia: como naceu o concepto de Banda Deseñada; que hai moitas temáticas dentro dela  e que tamén se poden transmitir moitas cousas a partir dos silencios e do que non se di.


mércores, 20 de abril de 2016

Roteiro Literario polo Salnés

A bisbarra do Salnés foi berce de grandes escritores e por este motivo achegámonos a Vilanova de Arousa e a Cambados para percorrer a vida e obra de dúas importantes figuras da literatura galega e castelá: Ramón Cabanillas e Ramón Mª del Valle Inclán.
Monumento a Valle Inclán en Vilanova de Arousa
Os departamentos de Lingua e Literatura Galega e Castelá deseñaron esta actividade para o alumnado de 4º de ESO e así fixemos um roteiro polos lugares máis importantes da biografia valleinclanesca: a casa museo do autor, encadrada no fermoso Pazo do Cuadrante; a casa do Cantillo onde naceu ou a igrexa da Pastoriza.
Casa do Cuadrante

Casa do Cuadrante
Despois dirixímonos á vila de Cambados e  dende a Praza de Fefiñáns continuamos o percurso ata a casa natal de Cabanillas; unha humilde construción de estilo mariñeiro que alberga algúns documentos, discursos, fotos e primeiras edicións das obras do tamén chamado Poeta da Raza.
Casa natal de Ramón Cabanillas
Tamén a capital do albariño foi testemuña da vida de Valle Inclán e visitamos a que foi a súa casa na rúa Real para despois continuarmos camiño ata as fermosísimas ruínas de Santa Mariña,  camiño do miradoiro da Pastora, inmortalizado no poema do cambadés “As tardes na Pastora”.
Igrexa de Santa Mariña

martes, 5 de abril de 2016

Encallados

Se o ano pasado foi A Esmorga, nesta ocasión tivemos a sorte de recibir no centro a Alfonso Zarauza, director entre outros dos filmes: “A noite que deixou de chover”, “Os Fenomenos” ou de “Encallados”. Precisamente foi este último o que visionaron os alumnos de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato que tiveron a oportunidade de intercambiar impresións co director e tamén preguntarlle todo tipo de dúbidas e curiosidades sobre o cinema galego, o proceso de creación ou mesmo sobre gustos cinematográficos.
Alfonso Zarauza

Alumnado durante o encontro
Encallados é unha longametraxe de 65 min, rodada en 16mm en branco e negro e que recrea as vivencias dun grupo de amigos em Compostela que tentan levar a cabo unha película co naufraxio do Prestige como fondo argumental. Unha comedia sobre o cine dende dentro, chea de autocrítica, humor e melancolia. O director fálanos do difícil que é levar adiante un proxecto e tamén que remate por chegar aos espectadores. 

Dende que rematou o filme, Encallados percorreu os teatros e auditorios de toda Galicia así como de centros culturais e asociacións para darlle visibilidade. Tamén conseguiu nos premios Mestre Mateo tres galardóns: mellor fotografia, mellor montaxe e mellor Película para Tv.


Encallados from Fernando Alfonsin on Vimeo.

martes, 29 de marzo de 2016

Conversando con Ledicia Costas

Hoxe tivemos un encontro coa flamante gañadora do Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 2015, Ledicia Costas e veunos a falar do libro co que conseguiu este galardón: Escarlatina, a cociñeira defunta.
A autora leva no mundo literario dende hai máis de quince anos e aínda que publicou moito para o público infantil e xuvenil tamén posúe libros de literatura para adultos e de poesía.
Ledicia Costas
Entre outros títulos é autora de “Unha estrela no vento” (Xerais 1999), “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012), “Recinto Gris” (Xerais, 2014) ou ''Un animal chamado néboa'' (Xerais, 2015) coas que leva colleitados algúns dos premios literarios máis prestixiosos como o Merlín de literatura infantil e xuvenil, o Premio Lazarillo ou o Fervenzas Literarias e Neira Vilas.

Alumnos de 1º de ESO conversaron coa autora sobre algúns dos aspectos do libro e descubriron algunhas claves para comprendelo mellor como que a escarlatina era unha enfermidade mortífera, que ao avó da autora gustáballe inventar cousas ou como se inspirou para crear os personaxes de Dodoto, Amanito ou Lady Horreur.



Tamén lles adiantou algo da “precuela” que acaba de saír do prelo: Esmeraldina, a pequena defunta, onde nos narra a vida anterior da protagonista Escarlatina antes de viaxar ao Inframundo.

Ledicia Costas from ENDL Poio on Vimeo.

luns, 22 de febreiro de 2016

Club de Debate. Fase Local

Este sábado tivo lugar a fase local do Club de Debate que se desenvolveu no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra. Unha maratoniana xornada onde máis de sesenta alumnos e alumnas de sete institutos da bisbarra deron o mellor de si para defender a súa postura.
Concentrados antes de saír
Durante o 1º debate
O título deste ano: “Ser muller é vivir en desigualdade” serviu para pór sobre a mesa todas as cuestións que arrodean este tema: a construción social dos xéneros, a violencia machista, os roles, o sistema económico e toda unha serie de condicionantes que fan que aínda quede lonxe a igualdade.
O Club de Debate ten entre os seus obxectivos  fomentar o uso da lingua galega, mellorar as habilidades comunicativas  do alumnado, así como  o espírito de grupo e o traballo en equipo.
Daniel durante unha interpelación
Antía nas últimas conclusións

Repoñendo forzas antes da 2ª intervención
Parabéns aos alumnos e alumnas participantes e á profesora Montse Bragado que se prepararon a conciencia e  deixaron pegada en cada un dos debates.

Noraboa a Antía Otero, Daniel Quintillán, Alba Rosales, Paula Andrés, Laura Freijo, Tania Grande, Luís Quintela, Noemí Sartal, Gabriel Rea e Diego Piñeiro polo seu cuarto posto e meritoria participación.

Club debate from ENDL Poio on Vimeo.

mércores, 10 de febreiro de 2016

Festival de Entroido

O entroido chegou sen avisar e tamén con moita chuvia ás costas. No instituto como vén sendo costume non quixemos faltar á cita e puxémonos a idear os disfraces e as coreografías para ese día.
Este ano quixemos darlle unha volta e decidimos que o entroido xirase arredor dun tema: O Cine.


Non todos se sumaron a esta idea pero a meirande parte dos grupos participantes tiraron de imaxinación.
Como novidade montamos no vestíbulo un photocall que foi todo un éxito... O "glamour" non pode faltar neste tipo de actos.


Logo tocaba o momento de saltar á escea... Os vencedores foron o grupo de 2º ESO que fixeron a súa particular Vendetta e de 3ºB, chamados Madagascar, que bailaron a ritmo de regetton. Noraboa a todos.



2º Premio: Madagascar

1º Premio: Vendetta

FESTIVAL DE ENTROIDO POIO from ENDL Poio on Vimeo.