venres, 12 de xuño de 2015

Unha Parada no teatro


Este venres tivo lugar a estrea da obra A Parada, de Javier Portillo, representada polo alumnado de 3º ESO B  e dirixida pola profesora Carmen Redondo.
A Parada é unha comedia urbana chea de personaxes disparatados que nos van contando a súa vida mentres agardan nunha parada de autobús.
Queriamos agradecer á compañía de teatro "Lúa Chea " de Poio e a algúns dos seus membros a súa inestimable axuda ao achegarnos algún material de vestiario e decorados 














venres, 5 de xuño de 2015

Colleitando Premios

Dende o ENDL do IES de Poio queremos darlle a noraboa a todos aqueles alumnos e alumnas que participaron en diferentes concursos de creación literaria e artística organizados por organismos, institucións e colectivos de fóra do noso centro. E en particular quixeramos nomear a aqueles que acadaron algún galardón,  como son:

Certame Literario Illa Couto (Concello de Poio)

- 1º Premio en Relato e Poesía (Categoría E): Carmen Ansín Vallejo (1º Bacharelato)
- 1º Premio en Relato (Categoría D): Daniel Otero Veloso (1º ESO)
 




III Certame de Banda Deseñada do IES Arcebispo Xelmírez I

- 2º Premio: Alba Jiménez e Mario Acuña




luns, 1 de xuño de 2015

Poesía en Clave Dixital. Encontro poético




O pasado venres 15 de maio xuntámonos en Caldas de Reis máis de 200 alumnos de diferentes centros da provincia ( IES de Poio, Vilalonga, Sanxenxo e San Paio de Tui) dentro do proxecto "Poesía en clave dixital".
No encontro non faltaron a música nin os obradoiros, impartidos polas poetas Rosalía Fernández Rial e Susana Sánchez Aríns, que exerceu de madriña do acto. A guitarra de Sergio Trillo e a arpista Clara Pino completaron os actos dese día.
 
Tras o almorzo na Carballeira, realizamos un percorrido pola beira do río Umia e a zona vella de Caldas. Iniciamos as actividades da tarde coa interpretación de "Adiós ríos, adiós fontes". 
Os alumnos fixeron fotos do río para a creación de "Poemas visuais do Umia" e por último tamén se homenaxeou a Ramón Pérez de Ayala, que escribiu a súa novela "AMDG" durante a súa estancia no balneario de Caldas de Reis, coa lectura dun poema extraído desta obra. 

 O percorrido continuou pola zona vella da vila, ofrecendo versos e poemas aos viandantes e distribuíndo "publicidade poética" polos parabrisas dos coches. No remate, xa de volta á Carballeira, houbo un momento para a lectura dos poemas realizados polo alumnado no concurso de "Parodias musicais".


Aquí podes ver a noticia publicada nalgúns medios de comunicación

mércores, 20 de maio de 2015

Recital poético musical Novas Voces

Parece que o insigne Lope de Vega estaba errado cando dixo: “Galicia nunca fértil en poetas”, se nos atemos á estensa nómina de voces que están a renovar a produción literaria galega nos últimos anos.

O recital poético deste ano, que unha vez máis fixemos man a man co Departamento de Música, quere recoñecer as voces particulares destes autores e autoras que conseguiron abrir camiños inéditos na poesía, conformando un plural panorama onde conflúen estilos, sensibilidades e intereses enormemente diversos. 
Como toda escolla significa renuncia tivemos que prescindir dalgúns nomes. Poesías de Cristal Méndez, Martín Veiga, Baldo Ramos, Fran Alonso, Ana Romaní, Olga Novo, Estevo Creus , María Lado ou a portuguesa Sophia de Mello Breyner foron interpretadas por alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º de ESO. 
ademais quixemos facerlles un lugar a dous xóvenes poetas, alumnos do noso centro, que xa andan na procura da arte das palabras.

Se queres descargalo clica aquí.



Cidades from ENDL Poio on Vimeo.

Há mulheres from ENDL Poio on Vimeo.

Pasaxe musical from ENDL Poio on Vimeo.

Branco from ENDL Poio on Vimeo.

Correlingua 2015

Pontevedra pechou nesta ocasión a edición 2015 do Correlingua que se desenvolveu ao longo do mes de maio en doce bisbarras galegas.
Esta proposta de carácter lúdico-educativo busca que os mozos participen nun acto público para reivindicar o dereito a crecer en galego. A carreira finalizou cunha festa final na Praza da Ferrería conducida polo cantante Xurxo Souto, de Os Diplomáticos deMonte Alto, e coa actuación musical do grupo Bocinazo que fixo versións de distintos temas, entre eles, 'A ritmo de garaxe' de Loquillo.


venres, 8 de maio de 2015

Obradoiro de portugués

Outro ano máis os nosos alumnos puideron achegarse ao portugués, a nosa irmá do sur. Con este obradoiro constataron a vantaxe que como falantes de galego temos para a comprensión e a expresión da lingua portuguesa  e tamén por outro lado, serviu para poñer fin a certos prexuízos existentes.

Como falantes galegos o coñecemento do portugués contribúe a mellorar  a competencia lingüística na nosa lingua ademais de ampliar considerablemente os nosos horizontes.


O acordo asinado o pasado febreiro entre os gobernos galego e portugués en materia lingüística pretende promover o coñecemento da nosa lingua irmá e por este motivo introducirase como lingua optativa a partir do vindeiro curso.

martes, 21 de abril de 2015

Obradoiro de Banda Deseñada con Xosé Tomás

Vén un mes cargado de actividades e talleres e aínda que a nosa intención era ilos facendo de a pouco a realidade quixo que abril se transformase no mes dos obradoiros.
Hoxe o turno foi para Xosé Tomás; ilustrador e debuxante, ademais de profesor de ensino secundario, que realizou un obradoiro en banda deseñada con alumnos de 2º de ESO e do Clube de Lectura de Cómic que coordina a profesora Montse Bragado.
A súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que tenía miedo de los robots / El robot que tenía miedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo) e outros moitos...
Tamén é autor da novela gráfica Nómades (Galaxia), artellada sobre breves pero reveladores episodios que teñen como fío condutor a emigración e como protagonistas a mulleres de diferentes idades e condicións. 


Ademais fai humor gráfico para as revistas Tempos Novos e a Revista Galega de Educación. Traballa igualmente o cartelismo didáctico, e estende o seu labor ao mundo dos materiais multimedia. Imparte con regularidade talleres de ilustración e cómic en centros de ensino e colabora na formación dos docentes nos usos didácticos do cómic e a ilustración.



Por último,  os alumnos tiveron que poñer en práctica todo o aprendido e, a dicir polos resultados, parece que non se foron de baleiro