xoves, 4 de decembro de 2014

Caxade. Imperdible!


Esta fin de semana terá lugar na cidade do Lérez o Culturgal, e dentro da súa programación un dos seus pratos fortes será Caxade;  o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Algo que non vos podedes perder. Indie-folk cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. 
Caxade, que naceu no ano 2012 como un proxecto audiovisual transgresor é hoxe unha realidade consolidada dentro do panorama musical galego.

Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico.


luns, 24 de novembro de 2014

A ESMORGA




O pasado venres 21 estreouse nos cines de toda Galicia a tan esperada adaptación dunha das obras máis senlleiras da Literatura Galega, A Esmorga. 
A película de Ignacio Vilar, baseada no libro de Eduardo Blanco Amor, narra a “crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución e sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran cara á súa perdición”.

O FEO

O venres 21 os alumnos de 3º ESO asistiron á representación da compañía Catrocadeiras que puñan en escea a súa primeira montaxe titulada O FEO, do dramaturgo alemán Marius Von Mayenburg.
Unha comedia cargada de mensaxe e máis nos tempos que corren onde rendemos pleitesía a todo o que ten que ver coa imaxe.
Ao final da obra,  tanto os actores como o director conversaron co público e comentaron algunhas claves de como traballaron o texto, os personaxes ou a posta en escea. 
O elenco desta montaxe está formado por: Machi Salgado, Laura Campos, Manuel Polo e Xoán Abreu e está dirixida por Juan Carlos Corredoira.



Lette considérase unha persoa normal. Traballa duro como enxeñeiro e goza dun matrimonio apacible, sen sobresaltos. Mais un día descobre unha terrible verdade: é espantosamente feo. 




Realmente foi unha proposta interesante e fresca dentro do panorama teatral galego á que lle desexamos moito éxito e un longo percorrido.



O Feo Promocional from CatroCadeiras Producións on Vimeo.

sábado, 15 de novembro de 2014

Aplicación do Dicionario da Real Academia Galega para o móbil

Queremos dar a coñecer a aplicación do dicionario de Lingua Galega que a  Real Academia Galega vén de publicar na Play Store. Unha ferramenta, totalmente gratuíta e libre de publicidade, que leva aos nosos smartphones e tablets arredor de 50.000 termos coas súas definicións, sinónimos, antónimos, exemplos e pronuncia da maioría das entradas. É unha ferramenta pensada para o día a día das persoas que falan e escriben en galego e pode ser de grande axuda no mundo educativo.
A “app” funciona sen necesidade de estar conectada. (Apenas a pronuncia dos termos, conxugador verbal e a Palabra do Día requiren ligar cunha rede wifi ou 3G).





O deseño é tremendamente intuitivo e sinxelo e conta coa posibilidade de gardar termos nos nosos favoritos para telos máis accesibles ou compartir as definicións nas redes sociais. 
Deixámosvos unha pequena guía, elaborada pola profesora Paz Fernández Pereiro, de como descargar esta aplicación nos nosos móbiles.

Clica aquí para ver as instrucións

luns, 10 de novembro de 2014

MAGOSTO 2014

O pasado 7 de Novembro o tempo deunos unha mínima tregua e poidemos festexar a nosa tradicional festa do Magosto. 
A palabra magosto designa  a propia fogueira na que se asan as castañas e era unha festa de orixe pagá, relacionada coa fecundidade e o folclore do lume que marca o paso dos ciclos agrícolas, a modo de simbolismo de peche do ciclo solar. Como aconteceu con outras festividades pagás, terminou sendo cristianizada asociándoa ós Santos e Defuntos ou a San Martiño.




Aínda que é tamén costume aproveitar esta data para probar o viño novo, nós preferimos adicarnos a xogar e a divertirnos con xogos antigamente moi populares pero que ultimamente temos algo esquecidos como: a corda, o pano, a petanca, carreiras de sacos ou os birlos.




Como se pode comprobar pasámolo en grande e como aínda estamos en tempo e o San Martiño está aí, que non falten CASTAÑAS.

Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas,
para comer coas mozas
catro castañas asadas.

luns, 27 de outubro de 2014

GHALEGHO

Deixámosvos aquí un vídeo que está  sendo toda unha sensación na rede e que reivindica un xeito de falar en galego e que durante anos foi menosprezado.
Apenas 2 minutos que están dando moito que falar. Parabéns  aos seus creadores!



venres, 24 de outubro de 2014

Cántamo en galego

Cántamo en Galego” é un novo espazo musical radiofónico no que cada luns, durante o programa Pontevedra na Onda, coñeceredes todas as novidades da produción musical en galego: discos, concertos, certames, festivais, eventos...
Como mostra aquí tendes o último traballo de Tempo Catro:  Os ollos que falan. 11 cantares galegos” 




Na seguinte ligazón podedes escoitar a emisión do luns 20 de outubro.