domingo, 22 de xuño de 2014

Revista Trahamunda

Despois de varios anos de silencio, sae un novo número da revista Trahamunda, para contar todo aquilo que se fixo no noso instituto durante este curso que agora chega ao seu fin. Agardamos que a desfrutedes e que poidamos darlle continuidade o vindeiro curso. 
Non queremos desaproveitar a ocasión para agradecer a todas aquelas persoas que colaboraron nas actividades programadas polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística  este ano, especialmente ao profesor Carlos Nuñez que mantén viva a voz de Radio Patio
Tamén agradecer as colaboracións de todos e todas que fixeron posible a edición desta nova Trahamunda e, sobre todo, ao profesor Paco Recamán pola súa inestimable axuda no deseño e na maquetación.



luns, 2 de xuño de 2014

Teatro de Títeres en Poio

Despois de meses de ensaios, de construír e vestir os bonecos, elixir as músicas e repetir unha e outra vez cada escea chegou o día.
E para a estrea veu nada máis e nada menos que un público moi esixente. Os alumnos das escolas infantís do concello de Poio achegáronse e acompañáronnos neste emocionante momento.
Os e as alumnas Luana Cáceres, Carmen Martínez, Sergio Torres, Gabriel Rea, Laura Fernández e Carla Couselo puxeron voz e deron vida aos personaxes inventados por Daniel Vilela e o gran Javier Villafañe.
Podedes ver unha das obras que representamos: Felón o bandido e o manzaneiro troleiro.
Esta xa é a nosa 3ª montaxe, e seguro que non será a última!


De esquerda  a dereita: Sergio Torres, Gabriel Rea, Luana Cáceres, Carmen Martínez, Carla Couselo e Laura Fernández




Felón o bandido e o manzaneiro troleiro from ENDL Poio on Vimeo.

mércores, 28 de maio de 2014

Saída Roteiro

Hoxe os alumnos de 4º de ESO  desafiamos ao tempo, puxémonos as botas e comezamos a camiñar polos sendeiros próximos como antes fixeron xa os nosos antergos, redescubrindo o noso pasado.
Os alumnos do Ciclo de Actividades físico-deportivas e os profesores de Educación Física acompañáronos neste percorrido onde descubrimos ermidas, muíños, fervenzas e lendas.



luns, 19 de maio de 2014

"Entre Nimbos" Homenaxe a Xosé María Díaz Castro


A noite é necesaria. Xose Mª Díaz Castro from ENDL Poio on Vimeo.

En colaboración co Departamento de música,  quixemos facer a nosa particular homenaxe ao poeta Xose Mª Díaz Castro co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.





"Entre Nimbos" foi un espectáculo poético-musical onde alumnos e alumnas de todos os niveis da ESO e profesores interpretaron poemas do libro Nimbos e tamén doutros poetas galegos que foron obxecto deste día en edicións pasadas. 




As floriñas dos toxos . from ENDL Poio on Vimeo.


Ahí vén o maio from ENDL Poio on Vimeo.

Constrúe o teu truco

O ilusionismo é unha arte escénica e un espectáculo de habilidade e enxeño que consiste en producir efectos en apariencia marabillosos. Estes efectos fan parecer realidade o imposible. 


O mago Eloi quixo ensinarnos esas e outras cousas en dúas sesións de maxia de preto que realizamos o pasado día 14 de maio.


Ademais os propios alumnos construíron cunhas cartolinas e usando vellas cartas algún truco sinxelo. Uns con máis fortuna ca outros, xa que todo require certa destreza, levárono a cabo. O que si é seguro que o pasaron xenial.


Aquí vos deixo un pequeno video onde poderedes ver algún dos xogos que fixemos.



Obradoiro de maxia en galego "Constrúe o teu truco" from ENDL Poio on Vimeo.

luns, 28 de abril de 2014

Roteiro "Descubrindo o Noso".

Durante séculos os nosos antepasados crearon historias, cantigas ou lendas coa finalidade de entender o mundo, a vida e a morte. O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES de Poio quere dar a coñecer para os alumnos e as xentes do noso concello todas esas lenda e historias próximas. 
Neste percorrido toparémonos con mouros, bruxas, trasnos e outros elementos relixiosos; así como muíños, castros, ermidas ou cruceiros que serven para manifestar as inquietudes e os xeitos de vida da nosa comunidade. Redescrubrir o NOSO é o mellor xeito de preservar e poñer en valor a propia cultura , a próxima, e conservala ao longo do tempo. Estamos aínda na fase de deseño do que será un primeiro roteiro cultural e natural por unha parte da parroquia de San Xoán de Poio e que realizaremos no vindeiro mes de xuño. 
Unha boa maneira de coñecer paso a paso a nosa historia e lugares agochados, fóra das rutas marcadas.

Pincha esta ligazón para ver o roteiro.




martes, 22 de abril de 2014

Galego, o paso adiante

Alumnos de 2º ESO A e 3º D participan con este traballo dentro do concurso de vídeo na nova edición de Correlingua 2014, que leva por lema: Galego, o paso adiante.




Galego, o paso adiante 2014. IES Poio from ENDL Poio on Vimeo.