sábado, 29 de febreiro de 2020

ACTIVIDADES DOS 21 DÍAS CO GALEGO


Ao longo de todo o mes de xaneiro e comezos de febreiro desenvolvemos no centro diversos tipos de actividades para fomentar o uso do galego entre o noso alumnado: taller de tatuaxes, conferencias, photocall, asistencia a un xuízo etc. 
Queremos facer hoxe un pequeno resumo destas actividades, ben en formato imaxes, ben con enlaces ou comentarios:

Taller de tatuaxes:

O alumnado, nos recreos do luns, mércores e venres podía acudir á aula de tatuaxes temporais facer o seu deseño favorito acompañado da palabra en galego que lles suxerira.

  

Photocall:

A illa de Tambo presidiu un gran photocall que daba a benvida ao noso centro en formato páxina de Instagram. Nel fotografiáronse alumnado, profesorado e persoal non docente.

  



Charla "Algoritmos: que son e para que serven"
 
O pasado luns 13 de xaneiro visitaron o noso centro Beatriz Álvarez Díaz, Laura
Davila Pena e Érika Diz Pita, as tres, investigadoras predoutorais da Universidade de Santiago de Compostela. 
 
Todo o alumnado de 4º de ESO acudiu á  interesantísima charla sobre os algoritmos, un concepto cada vez  máis presente: nos medios de comunicación, na internet,  nas redes  sociais... Abordaron problemas de distintos tipos e explicaron como  resolvelos  empregando o algoritmo adecuado. 
 
Dita charla é unha das cinco que foron concedidas ao noso centro dentro do Programa "A Ponte entre ou  Ensino Medio e a USC".

Deixámosvos unha ligazón a un vídeo: http://tv.usc.es/mmobj/index/id/3819 onde Beatriz Álvarez resume o visto na charla e onde reflicte como, cada vez máis, vivimos rodeados de algoritmos e por tanto de Matemáticas. 

 
Asistencia a un xuízo en lingua galega

Parte do alumnado de 4º da ESO tivo a fortuna de poder asistir a un xuízo en lingua galega nun xulgado de Pontevedra. Unha experiencia interesante e inesquecíbel para elas e eles.



En colaboración coa biblioteca fixemos outra moitas actividades que xa están colgadas nas redes sociais da biblioteca do IES de Poio e que vos recomendamos que visitedes.

Por 365 ou 366 días en galego!!!!!

xoves, 9 de xaneiro de 2020

COMEZAMOS COS 21 DÍAS CO GALEGO E+


O IES de Poio vai participar este ano no proxecto 21 días co galego e+. O luns 13 dará comezo e durará ata o 2 de febreiro. Ao longo destes 21 días no noso centro levaranse a cabo actividades a prol do galego. Manterémosvos informadas e informados da súa evolución!!!!

martes, 14 de febreiro de 2017

Canteira de cineastas

Alumnos de 4º da ESO participan no programa Cinema en curso gravando un documental sobre os oficios tradicionais da vila

  No Diario de Pontevedra

            

13 curiosidades científicas



Vén de saír do prelo do IES de Poio o libro 13 curiosidades científicas! Como reza no seu prólogo: "O libro, editado polo Equipo de Dinamización Lingüística do Instituto foi escrito, ilustrado e maquetado por alumnado de 4º da ESO. Nel os alumnos e alumnas explican fenómenos físicos sorprendentes, como as auroras boreais, a existencia dos aneis de Saturno, ou o efecto das bólas de fútbol ao xirar. Tamén explican cuestións de corte máis filosófico, como por que se di que somos po de estrelas, se podemos viaxar no tempo ou se existen outros planetas habitables no Universo. Textos sobre o arco da vella, a proba do Carbono 14, a materia e enerxía escuras, entre outros, completan os 13 artigos nos que se remata suxeríndonos unha sorprendente pregunta: Choven diamantes en Xúpiter?” 
Parabéns a todos os autores e ao profesor Marcos López Pena porque é un traballo magnífico 👍

domingo, 5 de xuño de 2016

Teatro de Títeres

Como xa vén sendo tradición rematamos o curso coa posta en escena dunha nova montaxe de teatro de marionetas. Esta actividade que comezou a andar alá polo curso 2008-09 xa está plenamente consolidada e goza de grande éxito sobre todo entre o público miúdo. 
Alumnado do CEIP Isidora Riestra viñeron ver nesta ocasión tres obras clásicas de títeres de luva dos autores Javier Villafañe e Daniel Vilela; Chímpate Chámpata, O bosque da meiga Poucopelo e O roubo das pebidas de ouro, feitas polas alumnas Laura Fernández, Nicole, Lidia Alvariñas, Bibi Fernández, Carla Couselo, Laura Otero e Lucía González de 3º ESO, 4º ESO e 1º Bach.
Mi película from ENDL Poio on Vimeo.

O Roubo das Pebidas de Ouro from ENDL Poio on Vimeo.

chímpete chámpata from ENDL Poio on Vimeo.

mércores, 25 de maio de 2016

Manuel María. Da tebra ao compromiso

Clausuramos o Mes das Letras cun recital poético-musical homenaxeando a Manuel María, facendo un percorrido pola súa produción poética dende os inicios ata as súas últimas composicións.

En colaboración co Departamento de Música, alumnos de 2º e 3º de ESO interpetaron varios temas e finalizaron co poema O Carro, musicado nos anos 70 polo grupo Fuxan os Ventos.


Escollemos 16 composicións do poeta chairego que combinaban poemas senlleiros como: Bando, Documentos Persoais, Terra Chá, O Pobo ou A Fala con outros menos coñecidos como: Cando o silencio é Tebra ou a Loita Final.

O carro from ENDL Poio on Vimeo.

venres, 6 de maio de 2016

Queremos Galego Videoclip

O IES As Barxas de Moaña volve sorprender unha vez máis a través da súa creatividade. Canta e baila pola lingua galega e presenta 'Queremos Galego', nova canción e videoclip elaborado no Obradoiro de Música, dirixido polo profesor  Seso Durán.
O videoclip enmárcase nunha destas iniciativas que pretenden servir para concienciar á mocidade da importancia de defender, e sobre todo, de empregar a lingua propia de Galicia. 
Como tantos outros temas de rap, a letra ten o seu lado reivindicativo: "É de xustiza dicir o que pasa; contar as verdades directas e francas; hai quen non quere que fales galego; non queren que fales na fala que falas".
Nesta ocasión, o Obradoiro Música As Barxas compuxo, gravou e editou o videoclip coa participación de alumnas e alumnos de 4º de ESO e Bacharelato. A través do rap de MC Jeremías e Seso Durán, contando tamén coa voz de Iván Maestú ‘Chiwi’, o alumnado reflexiona sobre a importancia da lingua en ‘Queremos Galego’.
Tamén participan Lucía Parcero, Iria Collazo, Claudia Antepazo, Lía Fernández, Tamara Rodríguez, Elena Fernández, Paula Martínez, Yanira Moldes e Seso Durán nos coros e o saxo de Lía Fernández. O vídeo está dirixido por María Cancelas e Aitana Sanz.
Dende  que penduraron o resultado en Youtube, o videoclip está a ser viral con miles de reproducións. Unha agradable sorpresa para a nosa lingua e cultura. 
Continuará o seu percorrido  participando en distintos festivais de audiovisual e desexámoslle todo o éxito que se merece.